Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta comunicou a comerciantes da Mariña a súa aposta polo comercio de proximidade

Nota de prensa:
NAVA CASTRO E RAQUEL ARIAS REÚNENSE COAS ASOCIACIÓNS DE COMERCIANTES DA MARIÑA PARA INTERCAMBIAR PROPOSTAS DE DINAMIZACIÓN DO COMERCIO DE PROXIMIDADE

As representantes da Xunta animaron aos membros dos colectivos das prazas de abastos de Ribadeo e Viveiro a asociarse baixo unha xestión compartida, o que lles facilitaría optar a axudas de maior contía

Cervo, 13 de outubro de 2011.- A directora xeral de Comercio, Nava Castro, e a delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, mantiveron hoxe unha xuntanza de traballo coas asociacións de comerciantes dos concellos da Mariña co obxecto de intercambiar puntos de vista e coñecer de boca dos protagonistas as inquedanzas do sector.

Así o expresou a directora xeral, quen sinalou que “a Xunta quere axudar ao comercio de proximidade” para o que é preciso “achegarse e escoitar de primeira man as necesidades e as demandas do sector”.

Raquel Arias incidiu na aposta da Xunta polo comercio de proximidade “ao que consideramos auténtico motor dinamizador das novas vilas e cidades”, aposta que se traduce en axudas económicas e campañas de promoción impulsadas dende a Dirección Xeral de Comercio.

As representantes do Goberno autonómico reuníronse na Casa da Administración de Sargadelos cos representantes dos distintos Centros Comerciais Abertos (CCA) da zona, así como coas asociacións de comerciantes existentes na comarca costeira lucense.

No tocante ás prazas de abastos, Castro e Arias animaron aos membros dos colectivos das prazas de abastos de Ribadeo e Viveiro a asociarse baixo unha xestión compartida. Esta modalidade de xestión, amén de facilitar un aforro de custes, redundaría nunha mellora competitiva que lles permitiría optar a axudas de maior contía por parte do Goberno autonómico.

Nava Castro destacou neste sentido que “tanto as Prazas de Abastos como os Centros Comerciais Abertos teñen un posicionamento estratéxico no desenvolvemento do comercio galego de proximidade”, de xeito que conforman un obxectivo estratéxico do Goberno galego establecido no Plan Ágora-Agora re-Comercia, dotado con case 130 millóns de euros.

Plans de Dinamización ao abeiro da Lei de Comercio

Tras de escoitar as demandas do sector e informar acerca dos diversos plans de dinamización do comercio que desenvolve a Consellería de Economía e Industria, explicaron as vantaxes para o pequeno comercio que introduciu a Lei do comercio interior de Galicia, que entrou en vigor este mesmo ano.

Esta lei, froito do consenso e o diálogo co sector, caracterízase polo marcado apoio ao pequeno comercio e a protección do consumidor. Protexe o traballo dos 45.000 comerciantes galegos que xeran 110.000 postos de traballo e realizan unha actividade que representa máis do 30% do tecido empresarial e o 10,12% do PIB galego.

Esta normativa regula as promocións en xeral e as rebaixas en particular; da liberdade absoluta aos comerciantes para rotular na lingua oficial que escollan; prohibe calquera tipo de promocións 30 días antes de rebaixas; regula a non caducidade dos vales de compra, crea un corpo de inspectores, limita as feiras de oportunidades, e establece a necesidade de licenza autonómica para os establecementos de incidencia supramunicipal superiores a 2.500 metros cadrados.

Ao abeiro desta norma estanse a crear as mesas locais de comercio, con representación do sector, da Xunta de Galicia e dos concellos, que terán funcións coordinadoras do traballo das asociacións coas administracións.

Exit mobile version