Site icon Crónica3.com A Mariña

Sobre a suba de impostos e taxas municipais en Burela

SOBRE A SUBIDA DE IMPOSTOS E TAXAS MUNICIPAIS EN BURELA

Só tiveron que pasar catro meses para que ao goberno municipal do PP en Burela lle caese a careta e puidésemos descubrir a súa verdadeira faciana e as mentiras sobre as súas promesas electorais.

Porque despois de catro meses de goberno municipal, o PP de Burela, seguindo a política instaurada polo seu partido na Xunta de Galiza e nas comunidades que goberna, fai recaer en todos os veciños un aumento dos prezos dos servizos municipais para ocultar a súa ineficacia na xestión.

Coa excusa da crise e da, din eles, mala situación económica do concello (unha cantinela xa esgotada e que empeza a cansar entre os veciños…), o PP de Burela vén de aprobar a subida dunha serie de conceptos por servizos e impostos municipais que non son de recibo nestes momentos en que tantas familias do noso concello están pasando apuros economicamente falando.

E falabamos de mentiras e da auténtica faciana do PP de Burela porque o ano pasado ao portavoz deste grupo, hoxe Al calde, enchíaselle a boca pedindo a conxelación e baixada de certos impostos municipais porque eran momentos difíciles para moitas familias e non había que subir estes prezos municipais. E o propio PP de Burela ofrecía no seu programa electoral para as pasadas eleccións municipais a non subida dos impostos municipais.

Pois ben, onte no Pleno, o PP de Burela aprobou, co noso voto en contra, as seguintes subidas das taxas municipais: subida dun 3,1 % no imposto de vehículos que pagamos todos os veciños, subida tamén dun 3,1 % no lixo, na expedición de documentos (certificados de empadronamento, por exemplo), na taxa por sumidoiros, nos vados, nas licenzas urbanísticas e, entre outros máis, na matrícula da Escola de Música (por certo, o PP de Burela acaba de eliminar a exención, que eles mesmos crearon hai moitos anos, desta matrícula para os membros da Banda de Burela). E mente o Alcalde cando di que esta subida é por lei ao estar marcado en 3,1 % a subida do IPC no que vai de ano. Os Concellos non teñen obriga de subir o IPC nas súas taxas municipais e no anterior goberno municipal mantivemos sen subir nin sequera o IPC nestas taxas durante dous anos. Pero agora o PP sobe estas taxas non porque a lei o obrigue senón porque quere. Claro que, ao mellor, estas subidas para o Alcalde non supoñen moito dado o soldo que cobra pero si van supoñer moito para numerosas familias do noso pobo.

Todo o anterior refírese a prezos e taxas xa existentes, pero o PP de Burela vai máis aló e, no seu afán recadatorio, inventa tres novas taxas municipais para cobrar aos veciños: a de utilización de calquera edificio ou local municipal por parte de colectivos e asociacións que terán que pagar 10 € ao día, a de utilización das instalacións deportivas municipais (20 € á hora por utilizar os campos da Marosa ou os pavillóns e 3 € á hora polas pistas de tenis e pádel) e, por último, casar polo civil na Casa do Concello de Burela vai custar 100 €.

E deixamos para o final a subida máis sangrante: a auga. Todos os veciños de Burela pasaremos de pagar a 0,22€ o m3 de auga a pagar 0,62€ o m3. A auga en Burela vai custar máis de 100 das antigas pesetas cada m3 (só o consumo, os outros conceptos á parte). Case un 200 % de subida… e sen aplicar aínda a subida que a Xunta de Galiza do PP nos ten reservada a todos os galegos coa Lei de Augas que aprobaron antes das eleccións municipais.

En resumo, esta é a política social do PP: subir os impostos e as taxas municipais que pagamos todos os veciños de Burela. Cobrar por todo e non incrementar servizos (ao contrario, recortalos… véxase o que pasa coas actividades deportivas ou co anuncio de pechar o local que utilizan os nosos maiores para o seu lecer).

Neves Cando, portavoz do BNG no concello de Burela

Exit mobile version