Site icon Crónica3.com A Mariña

Un incendio en Noceda na parroquia ribadense da Devesa calcinou unhas catro hectáreas de monte

Nota de prensa

UN INCENDIO ARRASOU ARREDOR DE CATRO HECTÁREAS DE MONTE NA PARROQUIA RIBADENSE DA DEVESA. TODO APUNTA A QUE O LUME FOI PROVOCADO, XA QUE SE LOCALIZOU NUNHA ZONA DE DIFÍCIL ACCESO. FERNANDO SUÁREZ SUBLIÑOU A RÁPIDA ACTUACIÓN DOS EFECTIVOS ALÍ DESPRAZADOS.

Ribadeo, 18 de outubro de 2011. O incendio declarado nas últimas horas en Noceda na parroquia ribadense da Devesa calcinou unhas catro hectáreas de monte, segundo os datos facilitados polo alcalde, Fernando Suárez. Todo apunta a que o lume foi provocado, xa que se localizou nunha zona de difícil acceso.

O rexedor explicou que “o lume declarábase aproximadamente ás dez da noite e quedaba extinguido pasadas as dúas da madrugada. Toda a noite houbo xente alí mollando, humedecendo todo este terreo afectado en Noceda na parroquia da Devesa en Ribadeo. Afectou a unhas catro hectáreas de monte baixo, de piñeiro e de eucalipto”.

Suárez Barcia dixo que “eu non podo precisar si son provocados ou fortuitos, aínda que moito me extrana que poidese ser fortuito este caso, xa que estamos a falar dunha zona de moi difícil acceso. Agradezo a colaboración prestada polos veciños, polo Grumir de Ribadeo, polos voluntarios de Protección Civil, pola Policía Local, pola Garda Civil e por Medio Rural da Xunta. O meu compañeiro Vicente Castro e un servidor estivemos alí ata ben entrada a madrugada, ata que todo estivo controlado”.

O alcalde de Ribadeo lembrou que “o incendio producíuse nunha zona onde hai poucas semanas ou días houbo un conato e afortunadamente quedou neso grazas á intervención tan rápida dos efectivos alí desprazados. Isto quere dicir que neste país a época de incendios non coincide co verán, realmente cando hai máis perigo é agora nestes meses de setembro, outubro e novembro. Agardemos que agora veña a auga e nos disipe toda esta preocupación que temos”.

Fernando Suárez subliñou que “grazas a que Ribadeo ten uns servizos bós de Protección Civil, de Grumir, temos dous camións motobomba… quero agradecerlle ao persoal da Xunta o traballo realizado porque o fixeron moi ben, pero quero destacar que como hai moi poucos efectivos da Xunta tardaron moito en chegar. Isto é si non tivésemos servizos propios de Protección Civil ou do Grumir o incendio de Noceda tería unhas consecuencias moitísimo máis graves, moitísimo máis elevadas das que se chegaron a producir”. O rexedor ribadense agarda que “á Xunta, con este ansia de recortes tan grande que ten, non se lle ocurra tocar os servizos de seguridade. Un concello coma o de Ribadeo non pode estar pendente ou só ter á súa disposición un parque de bombeiros en Barreiros, que está moi ben e todos o queremos, pero con 10.000 habitantes de poboación tanto rural coma urbana, que non estean atendidos por servizos propios non se entende. A experiencia de incendios destes últimos tempos en Ribadeo di que cando chegan os outros servizos, que se necesitan, que os valoramos e que os agradecemos, xa están as lapas controladas tanto nos lumes nas parroquias como nos urbanos”.

E insistiu en agradecer “o traballo realizado por todos os que esta noite estiveron en Noceda, houbo xente que se quedou toda a noite vixiando e refrescando o terreo afectado. Debemos tomar nota de todo isto para que moitas veces cando se fala de recortes, recortes e recortes, non nos damos conta de que poden afectar á seguridade pública, espero que non sexa así”.

Exit mobile version