Site icon Crónica3.com A Mariña

A candidata por Lugo do BNG dixo en Foz que “os únicos que viviron por riba das súas posibiliddes foron os banqueiros”

Nota de prensa:

MARÍA XOSÉ VEGA ASEGURA O VOTO AO BNG “É O ÚNICO QUE VALE CONTRA O BIPARTIDISMO E A DITADURA DOS MERCADOS

A candidata por Lugo ofreceu un mitin en Foz no que lembrou que “aquí os únicos que viviron por riba das súas posibilidades foron os banqueiros”.

Foz, 15 Novembro 11.- A candidata do BNG pola provincia de Lugo, María Xosé Vega, participou onte nun mitin en Foz, onde reivindicou as infraestruturas necesarias para A Mariña e solicitou o voto de todos “aqueles que se sinten indignados co camiño de crise e desigualdade no que nos meteron o PP e o PSOE”.

“Agora que volve iso que chaman mercados a especular cos cartos de todos é de novo un momento acaído para lembrar que o do BNG é o único voto útil para oporse á ditadura dos poderes financieros e a un bipartidismo que xa deixou claro que non pensa facerlle fronte a aqueles que queren acabar cos nosos dereitos e os nosos servizos públicos”, asegurou María Xosé Vega.

“Estou farta de escoitar que a crise se debe a que a xente viviu por riba das súas posibilidades. É mentira. Aquí hai pensionistas aturando recortes do pouco que teñen porque que os que si viviron e viven por riba das súas posibilidades son os banqueiros”, dixo a candidata nacionalista.

“O descontento social que estoupou nos últimos meses debe ser encauzado nas urnas mediante o apoio ao BNG, que representa unha alternativa en clave galega e de esquerdas. A abstención ou outras fórmulas benefician a PP e PSOE”, engadiu María Xosé Vega.

A cabeza de lista do BNG tamén falou en Foz da necesidade dun “transporte intermodal de mercadorías na provincia de Lugo que aproveite a nosa potencialidade estratéxica” e defendeu “a potenciación de sectores estratéxicos como o lácteo”.

Exit mobile version