Site icon Crónica3.com A Mariña

A corporación de Cervo acordará a adhesión a un convenio para a recollida de aparellos eléctricos

Nota de prensa

A corporación municipal celebrará mañá unha sesión plenaria na que tamén se proporá a aprobación de senllas ordenanzas reguladoras do mercado semanal e sobre a protección de datos

O CONCELLO ADHÍRESE A UN CONVENIO PARA XESTIONAR OS RESIDUOS ELÉCTRICOS

Este sistema significará un importante beneficio para o municipio en materia medioambiental ao proporcionar un método de eliminación destes residuos e garantir que se tratan de forma axeitada, ademais suporá un beneficio económico xa que o Concello percibirá unha compensación por parte das empresas xestoras destes residuos.

Cervo, 30 de novembro de 2011.- A corporación municipal de Cervo celebrará mañá, 1 de decembro, un pleno municipal no que se abordarán os seguintes asuntos:

Adhesión ao convenio marco de colaboración para a recollida de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE).

O grupo de Goberno proporá a adhesión do municipio de Cervo ao convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia e diversas empresas especialistas na recollida de aparellos eléctricos e electrónicos.

Dende a concellería de Medio Ambiente, que dirixe Begoña Alonso Quintanilla, afirman que esta medida ten por obxecto garantir tanto a recuperación axeitada destes materiais -algúns dos cales son contaminantes-, así como a mellora da calidade dun servizo que se pon a disposición de la cidadanía para facilitar a súa implicación na práctica da reciclaxe e do coidado do medio. Ademais, este sistema de reciclaxe suporá un beneficio económico para o municipio, xa que o Concello percibirá unha compensación por parte das empresas xestoras destes materiais.

Ordenanza Reguladora da creación de ficheiros con datos persoais do Concello de Cervo

Ademais, o pleno abordará a aprobación dunha ordenanza municipal para garantir o uso axeitado dos datos de carácter persoal coa finalidade de regulamentar o seu uso conforme as novidades da normativa vixente e co obxecto de protexer os dereitos fundamentais das persoas e especialmente o seu honor e intimidade, tanto persoal como familiar. Os datos de carácter persoal, rexistrados nos ficheiros automatizados do Concello de Cervo, creados por esta orde so serán usados para os fins expresamente previstos neste anexo polo persoal debidamente autorizado.

Ordenanza Reguladora do Mercado semanal do Concello de Cervo

A corporación tamén ten previsto aprobar a ordenanza municipal que ten por obxecto regular, con carácter xeral, a venda que se realice polos comerciante no mercado semanal. A nova normativa establece o que xa era un feito habitual; que o emprazamento do mercado na Praza dos Campos de San Cibrao todos os xoves do mes e co seguinte horario de 8:00 a 15:00 horas. A normativa inclúe unha serie de obrigas para garantir que os produtos á venda estean en perfectas condicións hixiénicas e de calidade, sen que poidan ocasionarse riscos para a saúde ou seguridade dos consumidores. O exercicio da venda ambulante, en calquera das súas modalidades, requirirá a previa autorización municipal correspondente, expedida por unha vixencia de 5 anos e implicará o abono das taxas correspondentes. A ordenanza tamén establece unha seria de sancións e obrigas respecto da limpeza dos espazos públicos unha vez rematado o mercado, condicións de accesibilidade e coidado da praza.

Exit mobile version