Site icon Crónica3.com A Mariña

A delegada da Xunta destaca o prestixio da artesanía lucense tras acadar en Madrid premios nacionais

Nota de prensa

RAQUEL ARIAS DESTACA O PRESTIXIO CO QUE CONTA A ARTESANÍA LUCENSE, QUE FOI RECOÑECIDA DE NOVO NA SEXTA EDICIÓN DOS PREMIOS NACIONAIS DESTE ÁMBITO

A delegada territorial significou que os galardóns obtidos polo ‘Obradoiro Regal Cerámica’ e Idoia Cuesta representan “unha proba da consideración coa que conta a creatividade e a labor profesional dos nosos artesáns”

Lugo, 3 de novembro de 2011.- A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, significou hoxe que os VI Premios Nacionales de Artesanía viñeron “a recalcar o prestixio co que conta a artesanía lucense”, que na edición do presente ano contou con senllos recoñecementos no caso do Obradoiro Regal Cerámica (Viveiro) e a creadora Idoia Cuesta (Outeiro de Rei).

Arias indicou que os casos destes dúas iniciativas profesionais premiouse “de xeito merecido o seu talento”, que se ve reflectido “nunha brillante labor creativa que se ven desenvolvendo ao longo dos últimos anos”.

Así mesmo, a representante do Executivo galego incidiu en que este recoñecemento conseguido representa tamén “un novo exemplo do nivel co que conta este ámbito creativo en Lugo”.

Neste sentido, compre subliñar que os dous galardóns obtidos, chegaron logo das propostas realizadas ao xurado dos premios por parte da Dirección Xeral de Comercio, a través da Fundación Centro Galego de Artesanía, que aposta para dar a coñecer a alta calidade do produto artesán que se está a elaborar hoxe na comunidade galega.

Ao fío disto, cabe significar que estes dous premios (dos cinco conseguidos en total por representantes da comunidade galega) veñen a sumarse aos acadados pola artesanía lucense na pasada edición. Nesa quinta edición, o Obradoiro Óscar Joyeros (Viveiro) fora tamén recoñecido co segundo premio na categoría de Producto.

Protagonistas lucenses

No tocante aos premios da presente edición, o Regal Cerámica resultou gañador na categoría Promociona-Entidades Privadas. O comité de avaliación dos Premios recoñeceu o valor do complexo cultural Regal-Xunqueira como un espazo de integración e actividade cultural a partir da rehabilitación dunha antiga fábrica de curtidos. O seu xestor, o ceramista Alfonso Otero Regal, rehabilitou a fábrica converténdoa nun espazo no que se desenvolven actividades didácticas, conferencias, cursos e acóllense estudantes e investigadores.

Grazas a este galardón, recoñécese a función deste complexo cultural como un motor de desenvolvemento socioeconómico e turístico da zona da Mariña, así como unha eficaz plataforma de divulgación e promoción da artesanía, especialmente da cerámica.

Polo que respecta a Idoia Cuesta Alonso, esta creadora resultou finalista na categoría Innova e recibiu tamén unha mención especial do xurado. Partindo da tradición cesteira, respectando as técnicas de tecido e experimentando con materiais, formas e volumes, a artesá de Outeiro de Rei deseña e crea novos produtos para dous ámbitos diferenciados pero complementarios: a decoración de interiores e a moda. Nos seus produtos combina fibras naturais da tradición téxtil (lá, algodón, xute ou cáñamo) con fibras vexetais máis ríxidas como o vimbio. Ademais busca un enfoque renovador e versátil na cestería, propondo pezas con novos usos.

Exit mobile version