Site icon Crónica3.com A Mariña

A delegada territorial da Xunta avanza que se celebrarán xornadas técnicas para emprendedores

Nota de prensa

RAQUEL ARIAS REÚNESE COS RESPONSABLES DE AJE LUGO PARA COORDINAR A CELEBRACIÓN DE XUNTANZAS TÉCNICAS PARA EMPRENDEDORES EN DISTINTOS PUNTOS DA PROVINCIA

A delegada territorial avanzou que entre o próximo mes de decembro e o inicio do ano 2012 se levarán a cabo dúas xornadas cos xoves empresarios que terán lugar na Mariña e na comarca de Lemos

Lugo, 9 de novembro de 2011.- A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, reuniuse cos responsables da Asociación de Jóvenes Empresarios de Lugo (AJE Lugo) para avanzar na coordinación dunha serie de actividades enfocadas aos novos empresarios e que se celebrarán ao longo dos próximos meses en distintos puntos da provincia.

Na reunión, na que estiveron presentes o presidente de AJE Lugo, Santiago Seijas, e a secretaria xeral da organización, Carmen López Rodríguez, concretouse a realización de dúas xuntanzas técnicas que terán lugar na Mariña e na comarca de Lemos. As devanditas xuntanzas desenvolveranse entre o próximo mes de decembro e o inicio do próximo exercicio.

A delegada territorial considerou que, nun momento como o actual, “o papel que teñen que levar a cabo os xoves empresarios e os emprendedores é fundamental, porque neles está o futuro, de aí que sexan importante apoialos e impulsar liñas de colaboración económicas e formativas para potencialos”. Neste sentido, a colaboración que está desenvolver a Xunta co colectivo que agrupa aos novos empresarios da provincia manifestase en distintas partidas económicas para a contratación de persoal e organización de iniciativas, así como achegas para tareas formativas.

No tocante a máxima representante do Executivo galego na provincia indicou que xuntanzas técnicas como as que se van a desenvolver posúen grande relevancia, xa que permiten “poñer en común opinións, inquedanzas e novas propostas relacionadas cos xoves empresarios. Ver, en definitiva, os pasos que se deben dar cara ó futuro, tanto dende as empresas como tamén dende as institucións”.

A modo de resumo, a delegada territorial subliñou a importancia de que as administracións públicas e os axentes sociais traballen de xeito coordinado, “as primeiras creando as condicións axeitadas e os segundos desenvolvendo as súas ideas, xa que desta simbiose debe resultar o progreso económico e social que todos perseguimos”.

Exit mobile version