Site icon Crónica3.com A Mariña

A xunta de goberno da Deputación acordou investir 120 mil euros en Celeiro na mellora do barrio do Celeiriño

Nota de prensa

ANTONIO VEIGA ANUNCIOU QUE A DEPUTACIÓN INVERTIRÁ 120.000 EUROS PARA A MELLORA DO CELEIRIÑO

O vicepresidente da Deputación informou de que esta cantidade será aportada por convenio co Concello de Viveiro, co que se recuperará o núcleo deste barrio viveirense

Antonio Veiga, “con este investimento, a Deputación cumpre cos veciños e veciñas do Celeiriño”

Lugo, 11 de novembro de 2011. Logo de aprobarse na Xunta de Goberno da Deputación desta mañá, o vicepresidente da Deputación, o nacionalista Antonio Veiga, informou de que mediante un convenio a Vicepresidencia Primeira da Deputación aportará 120.000 euros ao Concello de Viveiro para a mellora do barrio do Celeiriño.

Segundo indicou Antonio Veiga, “con este investimento estase a cumprir cos veciños e veciñas do Celeiriño e apórtase unha solución para que os servizos afectados polo derrubamento se restitúan”. Antonio Veiga explicou que “como todos sabemos, o barrio do Celeiriño, na actualidade, atópase nun estado de conservación deplorable debido ás circunstancias de asentamento do terreo, o que propiciou o derrubamento dunha parte das vivendas existentes e a interrupción dalgúns elementos dos servizos urbanos. Deste xeito, o convenio que se aprobou hoxe permitirá executar o proxecto desta intervención manifestamente necesaria dende hai tempo, e constitúe a primeira actuación que se realiza no entorno, contribuíndo de xeito decisivo á súa recuperación”. Neste sentido, Antonio Veiga reafirmou que “unha vez máis esta institución, ao contrario das administracións gobernadas polo PP, cumpre as súas promesas e actúa onde os lucenses o necesitan, coma neste caso concreto do Celeiriño, e non tapa a súa deixadez e inactividade, retirando recursos entre a cidadanía, como fai o goberno de Feijóo”.

A rúa que vén sendo obxecto das obras, a que comunica a rúa Atalaia coa rúa Grande, está actualmente dotada dos servizos de auga e rede de sumidoiros, pero estes quedáronse obsoletos debido ao crecemento urbanístico dos últimos 20 anos, e presenta ademais outros problemas relacionados cos colectores e pozos de saneamento. Por isto, levarase a cabo o aumento da sección de tubos que forman a rede de evacuación de augas residuais, dotarase á rúa de rede separativa de augas pluviais, aumentarase a sección da rede de abastecemento de auga potable, ou canalizar a instalación de subministro eléctrico que discorre polas fachadas, entre outras cousas. Como apuntou Antonio Veiga, “comézase así dando o primeiro paso para mellorar tanto os servizos existentes como a imaxe urbana deste histórico barrio mariñeiro”.

Exit mobile version