Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta incrementa as dotacións de quitaneves para limpar as estradas da provincia no inverno

Nota de prensa:

A XUNTA INCREMENTA CON CINCO MÁQUINAS QUINTANEVE MÁIS A SÚA DOTACIÓN DE MEDIOS PARA MANTER A VIALIDADE INVERNAL NOS 1.500 QUILÓMETROS DE ESTRADAS DA SÚA TITULARIDADE EN LUGO

A delegada territorial, Raquel Arias, supervisou hoxe as dotacións mecánicas dispostas para este operativo especial para os traballos de vialidade, que pasa a contar con 18 máquinas para a retirada de neve e o xeo na rede da provincia
Catro novas plantas para a distribución e fabricación de salmuera, que se suman aos 11 silos de sal xa existentes, permitirán potenciar as labores de prevención ante as placas de xeo do operativo impulsado pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

Lugo, 1 de novembro de 2011.- A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, supervisou as dotacións de medios dispostos para o operativo do Plan de Vialidade Invernal da Xunta de Galicia, que de dende hoxe e durante os próximos seis meses servirá para reforzar a seguridade viaria na rede de estradas de titularidade autonómica na provincia de Lugo.

O devandito plan, impulsado pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, vese beneficiado por un incremento de medios mecánicos e físicos para a presente campaña con relación a anos precedentes. Dende hoxe, cinco novas máquinas quitaneve súmanse as 13 xa existentes (completando un total de 18 máquinas), estando catro delas dotadas de esparexedores de salmuera, un fundente líquido constituído por unha solución salina que ofrece mellores resultados para actuar na prevención da formación de placas de xeo, sendo tamén máis respectuoso co medio ambiente.

Precisamente para o presente ano, incorpóranse catro plantas que servirán para a fabricación e abastecemento de salmuera para o operativo do Plan de Vialidade Invernal. Así mesmo, mantéñense os 11 silos de sal distribuídos estratéxicamente pola xeografía da provincia, dando lugar a que a operativo autonómico para a provincia conte cun total de 15 depósitos dos distintos produtos empregados para manter a vialidade na rede de estradas.

O silos de sal están situados no Corgo, Pedrafita, Xermade, A Pastoriza, Quiroga, Begonte, Castroverde, Chantada, O Incio, e dous na Fonsagrada. Con este reparto, preténdese gañar en operatividade, chegando canto antes aos puntos que presenten algunha dificultade para o tráfico, pero tamén procurar a eficiente distribución do material. A meirande parte dos silos teñen capacidade para albergar 60 toneladas de sal, aínda que algúns poden acoller ata 100 toneladas.

A Consellería estima, en referencia aos datos dos últimos anos, que será preciso investir preto de 350.000 euros tan só no abastecemento da sal, ao que hai que engadir os 619.000 euros de custo do servizo contratado.

O departamento autonómico de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas inviste preto de un millón de euros neste operativo especial de inverno para o mantemento das condicións de circulación nas estradas lucenses de titularidade autonómica.

As cifras da presente campaña revelan tamén que o plan alcanza á totalidade da rede viaria da Xunta na provincia, isto é, 1.500 quilómetros, e implica a arredor de 70 traballadores. Dúas empresas cobren este servizo, incluído nos respectivos contratos de conservación integral.

A efectos de contratar a prestación deste servizo, a rede de estradas provinciais dividiuse en dúas áreas, norte e sur, separadas figuradamente pola estrada N-VI -entre Guitiriz e Lugo- e a estrada de Fonsagrada –dende a capital cara ao límite da provincia-.

O Plan de Vialidade Invernal ponse en marcha o 1 de novembro e rematará o 30 de abril. O seu obxectivo é reforzar a seguridade viaria das estradas fronte ás inclemencias climatolóxicas propias do inverno, ofrecendo unha resposta inmediata e eficaz mediante a retirada da neve ou a distribución de sal cando as condicións así o requiren.

En todo caso, realízanse constantemente accións preventivas, aínda que a estrada se atope aparentemente libre de xeo ou neve. As máquinas dispoñen dos correspondentes sistemas de empuxe para a neve (en forma de cuña e folla) e de esparexedores de fundentes.

Exit mobile version