Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta suprime cautelas ambientais e elimina toda a lexislación contra o ruido, explica Adega

Nota de prensa

Orzamentos 2012: a Xunta suprime cautelas ambientais e elimina toda a lexislación contra o ruido

Compostela, 2 de novembro de 2011. O proxecto de lei de medidas fiscais e administrativas, máis coñecida como a “lei de acompañamento” e o instrumentro da Xunta para camuflar importantes modificacións lexislativas nos orzamentos. Como aconteceu en 2010, de novo tócalle á lexislación ambiental: suprímese a tramitación ambiental dos proxectos sectoriais, elimínase a avaliación de efeitos ambientais e derrógase dun plumazo toda a lexislación galega contra o ruído. A partires de agora, eólicos, piscifatorías e proxectos urbanísticos supramunicipais (anque afecten a un único concello, como o de Barreiros) non terán que pasar avaliación ambiental. Para a Xunta trátase de “simplificar” trámites. Para o ambiente, é outra puñalada á maltreita lexislación ambiental. E para determinados intereses unha magnífica nova: o aforro en porsches será considerábel.
As principais modificacións referidas á normativa ambiental que contén o proxecto de lei de medidas fiscais e administrativas dos orzamentos de 2012 son as seguintes:

CAPÍTULO IV. Medio Ambiente

Artigo 26.- Instrumentos de ordenación do territorio obxecto de avaliación ambiental estratéxica.
Modifícase a letra a) do artigo 5 da Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia, que queda redactado como segue:
“a).- Os instrumentos de ordenación do territorio regulados na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, agás os proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal que serán obxecto de avaliación ambiental cando así o decida o órgano ambiental mediante decisión motivada, pública e axustada aos criterios establecidos polo anexo II da Lei 9/2006, de 28 de abril.”

Na redacción orixinal do artigo 5 da Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galiza, un proxecto sectorial de incidencia supramunicipal só queda exento de someterse a avaliación ambiental estratéxica (AAE) se o plano sectorial ou instrumento de ordeamento territorial do que deriva xa se someteu. Coa modificación que pretende introducir o PP, un proxecto sectorial de incidencia supramunicipal pode, a criterio da Xunta, ser sometido ou non a AAE, mesmo anque non derive dun plano sectorial ou outro instrumento de ordeamento territorial. Cítanse como condicionantes os criterios destablecidos no anexo II da Lei 9/2006, de 28 de abril, mais estes criterios son aplicábeis a planos ou programas, non a proxectos, que son aos que se refire a letra a) do artigo 5 da Lei 6/2007.

Portanto, un proxecto sectorial que non derive dun plano sectorial ou que se execute fóra deste non tería que someterse a AAE se así o decide a Xunta. Por exemplo, unha piscifatoría que non está incluida no Plano Sectorial de Acuicultura, como sería o caso da de Touriñán. Mais suposto “informe motivado” a teor dos criterios da lei 9/2006 que recolle a modificación poposta non sería válido xa que esta lei só se aplica a planos e programas, non a proxectos.

Por outra banda, a lei 9/2006 de 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados planos e programas no medio ambiente é clara a respeito do sometemento ao procedemento de avaliación dos proxectos que desenvolven ditos planos:

“DISPOSICIÓN ADICIONAL TERCEIRA. Relación coa avaluación de impacto ambiental de proxectos. A avaliación ambiental realizada consonte a esta Lei non excluirá a aplicación da lexislación sobre avaliación do impacto ambiental de proxectos. A avaliación ambiental feita a un plano ou programa terase en conta na avaliación de impacto ambiental dos proxectos que o desenvolvan.”

Para solventar isto e suprimir estoutro “molesto” atranco legal, o PP propón dúas novas modificacións da lexislación ambiental através do espúreo instrumento da “lei de acompañamento” que finiquitan unha parte importante da normativa galega de avaliación de impacto e revelan até onde chega a desregulación e o “deixar facer” que propugna a Xunta:
Artigo 27. Clasificación do grao de protección dos proxectos, obras e actividades suxeitas a trámite de avaliación da incidencia ambiental.
Modifícase o apartado 2 do artigo 5 da Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia, que queda redactado como segue:
“2. A clasificación do grao de protección para determinar o procedemento poderá ser:
a. De avaliación do impacto ambiental.
b. De avaliación da incidencia ambiental.”

Disposición derrogatoria única
Dous.- Queda derrogada a Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, así como a súa normativa de desenvolvemento.
No prazo dun ano, a Xunta de Galicia deberá aprobar un decreto no que se incorpore ó dereito económico a normativa europea e estatal básica en materia de contaminación acústica e se establezan as normas adicionais de protección que sexan oportunas.
Tres.- Queda derrogado o Capítulo III do Título II “Da avaliación de efectos ambientais”, artigos 10 a 12, ambos inclusive, da Lei 1/1995, do 2 de xaneiro de protección ambiental de Galicia.

Se primeiro e mediante o artigo 27, suprimíase a referenza ao trámite de avaliación de efeitos ambientais (apartado 2 do artigo 5 da Lei 1/1995), agora e mediante o punto 3 da disposición derrogatoria única, elimínase completamente todo o capítulo referido ao trámite de avaliación de efeitos ambientais da Lei 1/1995, desenvolvido através do Decreto 327/1991, de 20 de outubro, de avaliación de los efeitos ambientais para Galiza. Este trámite aplicábase a aquelas actividades e proxectos que sen estar incluidas entre as que debían someterse a avaliación de impacto ambiental (AIA), debían pasar o trámita de avaliación de efeitos ambientais (AEA) polos posíbeis efectos negativos sobre o ambiente.

Deste xeito, e tendo en conta tamén a modificación proposta no artigo 26 da lei de acompañamento e relativa aos proxectos sectoriais, acontece que, un proxecto sectorial de incidencia supramunicipal pode eludir o trámite de AAE e tamén, de non estar entre os supostos sometidos a AIA, o de avaliación de impacto. Como tamén se eliminou a necesidade de someter estes proxectos a avaliación de efeitos ambientais (AEA), pode resultar que o tal proxecto sectorial pase sen tramitación ambiental algunha. Neste caso estarían por exemplo parques eólicos de menos de 50 aeroxeradores, que non afecten á Rede Natura “oficial” ou situados a máis de 2 km doutra instalación eólica; minicentrais, piscifatorías de menos de 500 T/ano… etc.

Finalmente, comentar tamén que através desta disposición derrogatoria, o PP elimina por completo toda a normativa autonómica de protección contra a contaminación acústica, a saber:
-Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica.
-Decreto 150/1999, do 7 de maio, polo que se aproba o regulamento de protección contra a contaminación acústica. Encárganse da protección das persoas contra os ruídos e vibracións provocados por calquera causa que se atope no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
-Decreto 320/2002, do 7 de novembro, polo que se aproba o regulamento que establece as ordenanzas tipo sobre protección contra a contaminación acústica. O Decreto 320/2002 será de aplicación para os concellos da Comunidade Autónoma de Galicia que non teñan ordenanzas propias en materia de contaminación acústica ou que, en caso de telas, non estean adaptadas ao estipulado na Lei 7/1997.

Dase a circunstancia de que na propia web da Xunta (Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas) destácase a importancia da problemática do ruido, mesmo se di “Fronte á contaminación acústica… urxe non estar calados!”.

E para rematar, despois do pau, vén a cenoura:
Disposición derradeira
Segunda
Tres.- Engádese unha nova Disposición transitoria quinta á Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, co seguinte contido:
“Disposición transitoria quinta.- Suspensión da tramitación de parques eólicos na ampliación da rede natura.
1. O anuncio de exposición pública da proposta de ampliación do ámbito da Rede Natura 2000 determinará por si mesmo a suspensión do procedemento de autorización dos parques eólicos que se sitúen, en todo ou en parte, no ámbito territorial obxecto de ampliación, ata a aprobación da proposta de ampliación polo Consello da Xunta de Galicia.
2. Aprobada no seu caso a proposta de ampliación da Rede Natura 2000 estarase ao disposto no artigo 31 da presente Lei.
3. Facúltase á persoa titular da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas para ditar cantas disposicións sexan precisas para garantir a finalidade desta disposición.”

Esta engádega na lei eólica non é máis que un brinde ao sol: coa Rede Natura máis cativa do estado, as instalacións eólicas afectadas por unha hipotética ampliación serán ben poucas: os parques eólicos máis extensos, licitados durante a era Fraga, xa ocupan grande parte dos espazos da Rede Natura galega e nela van ficar. A Xunta non fai máis que incorporar o que xa recollía o Decreto 242/2007 derrogado pola vixente lei 8/2009 que agora se modifica!

Exit mobile version