Site icon Crónica3.com A Mariña

ADEGA convoca un concurso con motivo da Semana Europea da Prevención de Residuos

Nota de prensa

Do 19 ao 27 de novembro celébrase a Semana Europea da Prevención de Residuos. Dende ADEGA ueremos sumarnos a esta iniciativa e, alén de traballar en programas de educación ambiental, estamos a preparar un CONCURSO co lema “Que farías ti para non producir tantos residuos?” A prevención debería ser a primeira prioridade á hora de tratar os nosos residuos, e non os tratamentos finalistas como vertedoiros ou incineración, tristemente os máis xeralizados na Galiza. O obxectivo desta semana é fomentar a concienciación para previr a produción excesiva de lixo: o mellor residuo é o que non se produce! Entre todas e todos podemos reducir o volume e a nocividade dos residuos que xeramos. Propoñémosvos que nos acheguedes ideas para reducir o lixo xerado: No fogar, no traballo, na escola…Enviade as vosas propostas e participaredes no sorteo dun KIT DE COMPOSTAXE.

A partir de xa podedes enviar as vosas prácticas para reducir lixo. As ideas máis orixinais ou eficaces irán aparecendo na nosa páxina web www.adega.info durante a semana europea da prevención, do 19 ao 27 de novembro.

Entre todas as propostas recibidas até o 23 de novembro ás 12:00 da noite, sortearemos un KIT DE COMPOSTAXE, integrado por un composteiro con capacidade de 320 l., un manual de compostaxe caseira e o libro “O compost. A xestión dos residuos”. O sorteo terá lugar o xoves 24 de novembro e o venres 25 entregaremos o premio.

Enviade as vosas propostas ao correo da vogal de residuos de ADEGA ( marialafuente@adega.info ) indicando o voso nome completo, enderezo e teléfone para participar no concurso

Exit mobile version