Site icon Crónica3.com A Mariña

Ao goberno municipal de Cervo non lle gusta a ampliación do Museo do Mar que presentou a Deputación

Nota de prensa

O GOBERNO LOCAL DE CERVO NON ESTÁ DE ACORDO COA CONSTRUCIÓN “DUN CASETO” AO LADO DUN EDIFICIO EMBLEMÁTICO COMO E O MUSEO DO MAR

Esíxenlles aos responsables provinciais que lles informen das súas xestións cos propietarios dos terreos anexos ao museo e lémbranlles que nos últimos sete anos a corporación municipal cervense ten adoptado diferentes acordos plenarios por unanimidade instando á Deputación á compra deste solar para ampliar estas instalacións

Cervo, 3 de novembro de 2011.- O alcalde de Cervo, o popular Alfonso Villares, e malia a concelleira de Cultura, Tania González, compareceron hoxe en rolda de prensa para facer unha valoración da ampliación do Museo Provincial do Mar, dada a coñecer onte polo vicepresidente da Deputación, o nacionalista Antonio Veiga.

Enterarse pola prensa
Segundo Villares e González, “non deixa de ser sintomático” que o equipo de Goberno local se tivera que enterar deste proxecto promovido pola Deputación a través dos medios de comunicación, “sobre todo tendo en conta de que estamos a falar da ampliación dun inmoble cuxa xestión depende da Deputación, pero que é de propiedade municipal” indicou Villares, quen a continuación dixo que “en todo caso, este feito é o menos importante deste asunto”.

Un caseto
Para os responsables locais, a decisión adoptada pola Deputación para esta ampliación é “unha burla” para o conxunto dos cidadáns de Cervo. Lembraron que nos últimos anos a corporación municipal cervense ten adoptado diferentes acordos plenarios por unanimidade nos instaba á Deputación á compra dos terreos anexos ao museo para ampliar as súas instalacións. Ao fío disto, o rexedor recordou que moitos destes acordos municipais foron promovidos e defendidos “vehementemente” polos grupos municipais da oposición.

Silencio onde antes había vehemencia
“Resulta que aqueles mesmos concelleiros que defendían esta adquisición dos terreos anexos para ampliar o museo son os mesmos que agora están á fronte da Deputación… supoño que cando defendían esta opción no pleno era porque realmente pensaban e crían que era a mellor solución para o futuro desta institución; pero agora, o que veñen a plantearnos non é outra cousa máis que construír un caseto ao lado dun edificio emblemático feito a principios do século pasado por indianos para promover a cultura no noso concello como é o Museo do Mar” recalcou Villares.

Para os responsables municipais resulta “imprescindible” que a Deputación explique “con pelos e sinais” a que se debe esta decisión, “porque isto que plantean vai en contra de calquera criterio de defensa do patrimonio”

Máis alternativas
En opinión do rexedor cervense, os responsables provinciais deberían ter barallado outras alternativas temporais para realizar dita ampliación antes que acometer esta construción dun anexo de madeira e cristal na parte traseira do Museo. “A este Concello poderíalle valer calquera outra opción temporal; como por exemplo o soterramento desta estrutura neste terreo, pero non estamos nin moito menos de acordo en que constrúan un caseto ao lado dun edificio tan singular… E sobre todo, hai que deixar meridianemente claro que estaríamos de acordo con esa solución unicamente como medida temporal e ata que se consiga materializar a compra dos terreos contiguos ao museo, tal e como llo vimos solicitando á Deputación a totalidade de forzas políticas municipais dende hai máis de sete anos” recalcou o alcalde.

Carentes de información
Villares tamén botou en falta que a Deputación non informe sobre as xestións feitas cos propietarios dos terreos contiguos necesarios para ampliar o museo. “Sobre todo, o que necesita saber este Concello en todo este asunto é cales son as xestións que se teñen feito cos titulares dese solar; que é o que piden para vender os terreos e, en definitiva, que cantidade de cartos tería que investir a Deputación para materializar esta compra… O que pedimos e esiximos son as cifras das que se está a falar e que nos informen da súa xestión; porque cando teñamos esta información, ao mellor teremos que saír publicamente a lembrarlles aos responsables do Goberno bipartito da Deputación a cantidade de millóns de euros que teñen gastados noutros concellos da provincia -tanto de mais de 5.000 habitantes, como de menos desa cifra- como foi o caso do concello de Becerreá, por exemplo”.

Exit mobile version