Site icon Crónica3.com A Mariña

Apresaron sete cabalos ceibos en Ribadeo que danaban fincas e montes particulares

Nota de prensa

O CONCELLO APREIXOU SETE CABALOS QUE ESTABAN A OCASIONAR DANOS EN FINCAS E MONTES PARTICULARES. OS SEUS PROPIETARIOS DISPOÑEN DE 15 DÍAS PARA RECLAMALOS E FACERSE CARGO DOS GASTOS OCASIONADOS. DE NON SER ASÍ SERÁN SUBASTADOS OU ENVIADOS AO MATADOIRO.

Ribadeo, 17 de novembro de 2011. O Concello apreixou sete reses equinas ceibas que estaban a ocasionar danos en fincas e montes particulares. Os seus propietarios dispoñen de 15 días para reclamalos e facerse cargo dos gastos ocasionados. De non ser así serán subastados ou enviados ao matadoiro.

O alcalde, Fernando Suárez, dixo que “a través dun bando damos a coñecer unha circunstancia do Concello de Ribadeo, que a primeira vista pode parecer un pouco curiosa. O Concello colleu ou mandou coller unha serie de cabalos, un garañón, un poltro e cinco eguas, que estaban ceibos na parroquia de Covelas, e andaban por fincas e montes de particulares en Cereixido, Pousadoiro, Mondigo e Acevedo”.

O rexedor explicou que “agora damos un prazo de 15 días para que os posibles propietarios desas reses poidan comparecer para facerse cargo delas e pagar todos os gastos e os danos ocasionados ao Concello e aos particulares nos seus cultivos por estaren ceibas e sen ningún tipo de control. De non aparecen os seus propietarios serán subastadas ou enviadas ao matadoiro”.

Suárez Barcia manifestou que “os Concellos moitas veces nos queixamos de que temos moi pouca financiación e que temos que facer cousas que non teñen nada que ver coa nosa misión, pero hai circunstancias e ésta é unha boa proba diso de cómo outras administracións superiores á nosa se desentenden absolutamente dos problemas e os veciños acaban acudindo ao Concello en busca de solucións. E desde logo non é o Concello o responsable de que anden uns cabalos ceibos por aí, aínda que ao final temos que facernos cargo dunha situación na que non temos nada que ver e tivemos que contratar especialistas para poder coller estes cabalos, tivemos que acondicionar un curro para poder telos durante varios días, alimentalos e despois subastalos, co cal todo canto se poida recadar non cubrirá nin o 30% de todo o que nos está custando todo isto, mais aló das molestias que temos que soportar. E todo isto cando non temos todos os cabalos que andan ceibos por aí apreixados, senón tan só 7, pero por informacións dos veciños sabemos que hai máis”.

O alcalde ribadense descoñece “si isto é causado por xente de mala fé que os ceiba, xente á que se lle escapan ou xente que non tendo superficie en propiedade súa os ceiba e cando se desmadra a situación desenténdense e non queren saber nada deles, pero o certo é que están causando problemas e danos en cultivos de labregos, que se queixan e isto foi o que nos levou a facer unha actividade tan atípica para un Concello, pero temos que facelo para evitar males maiores e para conciliar certa paz e certa armonía entre os veciños”.

Exit mobile version