Site icon Crónica3.com A Mariña

As obsesións de Balseiro

As obsesións de Balseiro

Perplexo, é como se queda un ó ler certos artigos e certas opinións. A verdade é que non me esperaba que fose precisamente o señor Balseiro quen se adicase a buscar culpables dos resultados do Partido Socialista no Concello de Cervo. É unha verdadeira pena que o compañeiro do PP gaste o seu tempo niso. Os socialistas traballamos polos veciños, loitamos polas nosas ideas e sabemos aceptar moi ben as decisións do pobo, como soberano que é, tras un proceso electoral. E xustamente o señor Balseiro, debera sabelo igual ca min, porque según din, quen tivo retivo.
Os datos están presentes para demostrar as irregularidades que cometeu o actual alcalde de Cervo. O expediente administrativo, que lamentablemente acabou nunha sanción, abriuse moito antes do proceso electoral ó que se alude, sen saber, para nada, cal sería o resultado. Relacionar un e outro proceso non é máis que demagoxia por parte do concelleiro popular, nun intento fallido de desculpar a actitude do equipo de goberno do noso Concello.
Comparto totalmente a idea de que as Deputacións Provinciais, son administracións chamadas a apoiar ós Concellos, a combater a actual situación económica e a garantir a distribución igualitaria de posibilidades e recursos entre eles. Precisamente para garantir esa igualdade entre todos os municipios, a Deputación de Lugo vese obrigada a pegar un toque de atención ó noso rexedor, por non cumprir coas súas obrigacións como cumpren o resto dos alcaldes da provincia. Basta de mentiras e enganos, señor Balseiro, cando sabe de sobra cómo actuou o seu compañeiro de goberno.
Cando os Concellos son requeridos para que rectifiquen algún erro, o normal é que respeten as recomendacións dos organismos superiores e non que fagan caso omiso, sobre todo, tratándose de asuntos nos que se pon en risco a seguridade das persoas. Pero esa foi a actitude que mantivo o noso alcalde, pasividade total ante as advertencias non só da Deputación senón tamén da Xunta de Galicia. O inxusto sería que uns Concellos tivesen que adaptarse á lei e que outros, se considerasen por riba do ben e do mal.
Así coma nós sabemos aceptar un resultado electoral, o Goberno de Cervo debería aceptar os seus erros, responsabilizarse das súas faltas e aprender que ante a lei todos somos iguais. Deixen de obsesionarse con acosos ilusorios e admitan que a culpa de todo isto é única e exclusivamente da inoperancia do actual equipo de goberno. Culpa que teremos que tolerar e asumir tódolos veciños.
Lara Méndez

Exit mobile version