Site icon Crónica3.com A Mariña

Comezaron as XVI Xornadas Técnicas de Difusión do Sector Pesqueiro que se desenvolven en Celeiro

Nota de prensa

RAQUEL ARIAS DESTACA O ESFORZO DA XUNTA NA MELLORA DA COMERCIALIZACIÓN DA PRODUCCIÓN DO SECTOR PESQUEIRO

A delegada territorial da Xunta inaugurou hoxe as XVI Xornadas Técnicas de Difusión do Sector Pesqueiro que se desenvolven en Celeiro
Arias subliñou que a Consellería do Mar incrementa nun 12,9% as partidas destinadas no ano 2012 para a formación continua e para o embarque “co fin de incrementar aínda máis o seu nivel competitividade”

Celeiro (Viveiro), 11 de novembro de 2011.- A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, destacou hoxe o esforzo que está a realizar o Executivo galego, a través da Consellería do Mar, para a mellora da comercialización dos produtos pesqueiros.

“Hai que crear camiños de prata para que da lonxa ao consumidor o peixe gañe valor e con iso xere riqueza, neste caso económica”, indicou Arias, que agregou que “eses produtos do mar, de segunda e terceira xeración, alcanzarán os mercados internacionais garantindo que parte do beneficio quede aquí, na Mariña, onde tan necesario é”.

Arias fixo estas declaracións durante a intervención coa que inaugurou hoxe as XVI Xornadas Técnicas de Difusión do Sector Pesqueiro que se celebran en Celeiro, ás que se referiu como “unhas das máis importantes no mundo do sector pesqueiro galego e español”. “Presentan un programa moi completo, diverso e exhaustivo, abarcando todos os ámbitos de interese para o sector”, expuxo a delegada territorial.

Durante a súa intervención, Arias abordou tamén o impulso que está a desenvolver na formación e na mellora da capacitación dos profesionais do sector a Consellería do Mar, que nos orzamentos para o 2012 incrementan “nun 12,9% as partidas destinadas á formación continua e para o embarque, co fin de impulsar a mellora da competitividade do sector”.

Un dos eidos no que incide a Consellería de Mar será, segundo indicou a delegada, a loita contra o furtivismo. Arias considera que os esforzos neste punto están “constrastados e probados nos dous últimos anos”. “O compromiso da consellería conseguiu acabar coa barra libre do furtivismo”, apuntou.

Neste senso, engadiu que a erradicación do marisqueo ilegal e a pesca ilegal é un dos principais condicionantes para a conservación ambiental. “A Xunta –explicou- destinará o próximo ano, por exemplo, unha partida un 15% superior á existente este ano para a operatividade dos medios d o Servizo de Gardacostas”.

Así mesmo, a máxima representante do Executivo galego na provincia, fixo fincapé en que, pese a conxuntura económica actual, as partidas orzamentarias destinadas aos Grupos de Acción Costeira (GAC), como no que se engloba a confraría de Celeiro, unha das promotoras do GAC A Mariña-Ortegal, “mantéñese de cara ao próximo ano”.

Exit mobile version