Site icon Crónica3.com A Mariña

Constituídos os órganos de goberno do INLUDES con representantes de todos os grupos políticos da Deputación

Nota de prensa

Constituídos os órganos de Goberno do INLUDES con 14 novos membros de PSOE, BNG e PP á proposta de Gómez Besteiro

– Son o Consello Reitor e a Comisión Executiva, equivalentes ó Pleno e á Xunta de Goberno, renovados tal e como establecen os Estatutos logo dos cambios na Corporación provincial

– Como exercicio de transparencia, o Presidente nomea a vogais dos 3 partidos políticos, converténdoos en parte responsable das iniciativas socioeconómicas do Inludes

– Os seus inmediatos cometidos serán a aprobación do Orzamento 2012, e a posta en marcha da 2º fase das obras do Centro de Recría, do Pacto polo Emprego 2 e do Innova-TE2

O INLUDES acolleu este mércores a sesión constitutiva do Consello Reitor e a Comisión Executiva. Son os órganos de Goberno de dito organismo dependente da Deputación, equivalentes ó Pleno e á Xunta de Goberno provincial respectivamente, que foron renovados tal e como establecen os Estatutos do Instituto Lucense logo dos cambios na Corporación lucense. Están formados por un total de 14 membros que, á proposta do titular provincial, José Ramón Gómez Besteiro, e como exercicio de transparencia na Deputación, pertencen ós tres partidos con representación na institución, facendo que PSOE, BNG e PP sexan parte responsable das iniciativas impulsadas dende o INLUDES. Todas elas buscan o desenvolvemento económico e social da provincia e céntranse nas seguintes áreas: emprego, formación ocupacional, sectores agropecuario e rural, PEMES, autónomos, emprendedores, novas tecnoloxías e artesanía.

Segundo marcan os Estatutos, o Consello Reitor debe estar composto polo Presidente e o Vicepresidente da Deputación, Antonio Veiga Outeiro, así como 12 vogais nomeados polo máximo mandatario provincial: outros 6 membros da Corporación e 6 persoas coñecedoras da problemática socioeconómica da provincia que propoñan solucións para o conxunto do territorio lucense.

Deste xeito, logo do consenso cos grupos políticos e de avaliar os perfís dos candidatos tendo en conta as áreas de actuación do INLUDES, Besteiro nomeou para o Consello Reitor á Vicepresidenta Segunda e responsable da área de Emprego, Economía Sostible e Demografía da institución provincial, Lara Méndez; á Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín; á Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García; ó Deputado de Economía Rural e do Mar, José Fernández; ó Deputado de Cultura e Turismo, Mario Outeiro; á Deputada do PPdeG, María Elena Candia; así como a Horacio Rouco, Manuel Dacosta, Miguel Ángel Vilar, José Luís Devesa e Luís Benito Camilo Eyre Diéguez.

Pola súa banda, os integrantes da Comisión Executiva son Gómez Besteiro, Veiga Outeiro, Lara Méndez, Regina Polín, Pilar García e José Fernández. Estes reuniranse en sesións ordinarias mensuais mentres o Consello Reitor farao de xeito trimestral.

Entre os principais e inmediatos cometidos dos órganos de Goberno do Inludes atópanse a aprobación do Orzamento para 2012, a posta en marcha da segunda fase das obras do centro de recría na Granxa Gayoso Castro, así como do Pacto Provincial polo Emprego 2 e o Innova-TE2.

Exit mobile version