Site icon Crónica3.com A Mariña

Constituíuse a Mesa Provincial de Comercio de Lugo para a colaboración e optimización de recursos no sector

Inclúense notas de prensa da Xunta e da Deputación

Nota de prensa da XUNTA DE GALICIA.

RAQUEL ARIAS SUBLIÑA QUE A CREACIÓN DAS MESAS LOCAIS DO COMERCIO BUSCA “IMPULSAR A COLABORACIÓN ENTRE OS MEMBROS DO SECTOR PARA A OPTIMIZACIÓN DE RECURSOS”

A delegada territorial participou hoxe na sesión constituínte da mesa provincial de Lugo, na que estiveron representadas a Federación Galega de Comercio e a Federación Provincial de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios
Este órgano asumirá tamén as competencias propias da mesa local daqueles concellos lucenses que, por non dispor dun mínimo de 20 establecementos retallistas, non puideron dar lugar a ente local propio

Lugo, 10 de novembro de 2011.- A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, participou hoxe na constitución da Mesa Provincial de Comercio de Lugo, que agrupa a administracións públicas, asociacións de comerciantes e de consumidores e representantes de distintos concellos da provincia de Lugo.

A creación desta mesa fíxose en cumprimento da nova Lei que regula o comercio interior de Galicia e radica na necesidade “dunha coordinación entre a administración, os comerciantes e os consumidores no deseño e execución de políticas comerciais nestes concellos”, segundo indicou a delegada territorial.

Raquel Arias, participou como representante do Executivo galego na sesión constituínte desta mesa, na que tamén estivo representada a Deputación Provincial de Lugo, que debe coordinar a mesa, e participaron como vocais membros da Federación Galega de Comercio, da Federación Provincial de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios Avantar.

Os obxectivos das mesas locais do comercio son lograr un maior dinamismo e modernización do comercio; erixirse en foro de debate plural e eficaz; actuar como órgano consultivo e de coordinación local para consensuar as políticas municipais para a promoción da actividade comercial.

Entre as súas funcións están, participar no deseño das campañas de promoción do comercio; emitir informe nas campañas que se financien con fondos públicos; emitir informe, con carácter preceptivo, nas solicitudes presentadas polos comerciantes para a realización das feiras de oportunidades; e actuar como órgano consultivo do concello en todas as cuestións que afecten o comercio retallista do municipio; propoñer ao concello medidas e propostas considere convenientes para o desenvolvemento e a mellora do sector; ser oída na elaboración de plans de tráfico e de ordenación urbana. Emitir informe en todos aqueles asuntos en que, pola súa relevancia para o comercio retallista do concello, lle sexa solicitado; e exercer cantas outras funcións lle sexan atribuídas pola Administración local no correspondente regulamento orgánico en desenvolvemento das funcións de participación, coordinación, cooperación e colaboración atribuídas legalmente.

Así por exemplo, segundo explicou Raquel Arias, a través das mesas locais e provinciais de comercio “pretendemos que o sector sexa consciente de que a través da unión de todos pódese negociar, por exemplo, créditos e tipos de interese cos bancos; ou tamén negociar as tarifas da luz; e outras moitas cousas que poidan beneficiar ó pequeno comercio”.

A delegada territorial aseverou que “son momentos moi complicados” por iso dende a Xunta “nos estamos volcando na posta en marcha de campañas de dinamización para incentivar o consumo” e, en definitiva “estamos facendo o máximo para que o pequeno comercio manteña o nivel de mercado”.

Seguindo a Lei de Comercio, prevese a existencia dunha mesa local do comercio en cada un dos concellos de Galicia, ben a través da creación de mesas locais do comercio de ámbito municipal ben mediante a creación de mesas locais de comercio nas deputacións provinciais, que representen aqueles concellos que non cumpran os requisitos previstos para que se constitúan neles. A norma persegue que todas as asociacións locais de comerciantes e de consumidores estean representadas, con voz e voto, nas mesas locais do comercio do respectivo concello, buscando a máxima participación comercial.

No caso de concellos que, por no dispor dun mínimo de 20 comercios minoristas e non exista asociación de comerciantes carezan de mesa local de comercio, a Mesa Provincial de Comercio, a través da Deputación de Lugo, será a que asumirá as funcións da Administración local.

Nota de prensa da DEPUTACIÓN DE LUGO

A Deputación facilita a 32 Concellos da provincia o acceso a axudas coa constitución da Mesa Provincial de Comercio

– O Deputado de Cooperación cos Concellos preside o organismo, que a institución provincial creou este xoves, converténdose na segunda de Galicia en facelo

– Formarán parte deste foro a Deputada provincial de Economía e representantes da Xunta, da Federación Galega de Comercio e da Asociación de Consumidores de Lugo

– Os proxectos municipais que aspiren a recibir unha subvención autonómica para mellorar infraestruturas comerciais deberán recibir previamente o visto bo deste novo órgano, que ademais debaterá e executará iniciativas para dinamizar e modernizar o sector

A Deputación constituíu este xoves a Mesa Provincial do Comercio, na que estarán representados 32 Concellos lucenses. Este novo órgano terá como obxectivo facilitar ás entidades locais o acceso a axudas da administración autonómica para mellorar e impulsar infraestruturas comerciais, ademais de debater e executar iniciativas públicas e privadas co fin de dinamizar e modernizar o sector. A institución provincial convértese deste xeito na segunda de Galicia -tras a de Pontevedra, que o fixo este mesmo luns- en cumprir con este requisito establecido na Lei que regula o Comercio Interior de Galicia, segundo o que as Deputacións deben ocuparse de constituír unha Mesa do Comercio na que estean representados todos aqueles municipios do seu territorio de competencia que non conten cun mínimo de 20 establecementos comerciais ou non teñan asociacións de comerciantes. Segundo a devandita norma, os Concellos galegos que superen a vintena de negocios contarán coa súa propia Mesa Local do Comercio.

O Deputado de Cooperación cos Concellos, Juan José Díaz Valiño, presidirá a plataforma, na que os Concellos estarán representados pola Deputación. A súa composición é a seguinte:

Por parte da Deputación, a delegada de Economía, Pilar García Porto, como titular, e a Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, como suplente.
Por parte da Xunta, a súa delegada territorial, Raquel Arias, como titular, e José Manuel Vázquez, como suplente.
Un representante da Federación Galega de Comercio, José María Seijas López.
Un representante da Federación Provincial de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios AVANTAR, Purificación Vázquez Rodríguez.
A secretaría será exercida por dous técnicos da área provincial de Cooperación cos Concellos.

Luz verde a un proxecto en Sober

A constitución da Mesa Local de Comercio, que se reunirá como mínimo dúas veces ó ano, facilitará o acceso dos Concellos a subvencións porque todos aqueles proxectos que impulsen co fin de mellorar instalacións comerciais (como prazas de abastos ou rúas) e que poidan acollerse a axudas da Consellería de Industria deberán recibir previamente luz verde por parte deste novo ente, que, polo demais, persegue coordinar e acordar entre a administración e o sector medidas para apoiar e revitalizala actividade comercial, como, por exemplo, negociar liñas de creto e tipos de interese cos bancos ou tarifas da luz coas eléctricas que sexan vantaxosas. Precisamente, na mesma sesión constitutiva do foro celebrada hoxe abordouse e deuse o visto bo a unha proposta do Concello de Sober para a mellora e acondicionamento do Campo da Feira e a Praza do Toural, que conta cun presuposto de 150.400 euros. O proxecto será remitido agora ó Concello, para que á súa vez o envíe á Consellería de Industria.

Influirá no deseño de plans de tráfico e ordenación urbana

Entre as funcións da Mesa do Comercio atópanse participar no deseño das campañas de promoción do sector; emitir informe nas campañas que se financien con fondos públicos; realizar un informe, con carácter preceptivo, nas solicitudes presentadas polos comerciantes para celebrar feiras de oportunidades; e actuar como órgano consultivo do Concello en todas as cuestións que afecten ó comercio retallista do municipio. Así mesmo, terá voz na elaboración dos plans de tráfico e a ordenación urbana, e poderá informar de todos aqueles asuntos que o departamento autonómico competente na materia lle requira.

Os Concellos de Lugo que contan con menos de 20 establecementos comerciais e que, polo tanto, estarán representados neste órgano son: Alfoz, Baleira, Baralla, Barreiros, Becerreá, Bóveda, Carballedo, Cervantes, O Corgo, O Courel, Friol, Guntín, Muras, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Ourol, Outeiro de Rei, Pantón, Paradela, A Pastoriza, Pol, Ribas de Sil, Ribeira de Piquín, Portomarín, Sober, Trabada, Triacastela, O Valadouro, O Vicedo, Xermade e O Incio.

Exit mobile version