Site icon Crónica3.com A Mariña

Continúa a III Edición do video- forum Mulleres no Mundo en Foz coa proxección da película “La niña santa”

Nota de prensa

Continúa a III Edición do video- forum Mulleres no Mundo coa proxección da película La niña santa

Na sesión, que se desenvolverá este xoves día 10, ás 19.00h na UNED, visionarase a película La niña santa(Argentina, España, Italia) dirixida por Lucrecia Martel

Continúa a III Edición do video-forum MULLERES NO MUNDO, organizado polo Observatorio da Mariña pola Igualdade, en colaboración coa UNED e con Radiofoz, para achegarlle mediante o cinema á cidadanía mariñá e galega a realidade vital de mulleres moi diversas pertencentes a ámbitos sociais e culturais afastados e distantes. Este ano, concretamente, está centrado no cinema latinoamericano e como novidade adopta unha fórmula nova, que pretende crear un ambiente máis agradábel e propicio para o debate e o intercambio de ideas a partir do visionado dos filmes escollidos. É o do café-debate. O Observatorio, ao igual que a semana pasada, repartirá cafés e pastas aos e ás asistentes para axudar a crear un clima distendido no debate posterior ás proxeccións.

O vídeo-forum “MULLERES NO MUNDO” que comezou o pasado día 27 de outubro ten lugar no salón de actos da UNED en horario de 19h. a 21 horas. Á actividade poden acudir todas as persoas que o desexen de xeito gratuíto. As sesións de “MULLERES NO MUNDO” están guiadas por membras do Observatorio da Mariña pola Igualdade. A metodoloxía a seguir consiste en realizar unha breve presentación e contextualización do filme, para a continuación realizar o visionado da película que corresponda a cada día. Posteriormente, realizarase un debate e reflexión posterior sobre diferentes aspectos abordados en cada filme, seguindo sempre unha metodoloxía participativa e aberta na que a monitora sexa condutora das reflexións do grupo.

A película correspondente a este xoves é La niña santa (Argentina/España/Perú) e está dirixida por Lucrecia Martel. A película conta a historia de Amalia, unha nena que, ao igual que as outras do coro, se cuestiona as súas crenzas relixiosas. Cando o Dr.Jano chega a dar unha charla ao hotel onde vive Amalia xunto coa súa nai, ela sente que ten unha misión: liberar dopecado a ese home que está seducindo a súa nai.

O principal obxectivo que persegue o Observatorio da Mariña pola Igualdade con esta iniciativa é a de darlle a coñecer á cidadanía galega, homes e mulleres, as realidades vitais de mulleres moi diversas de Afganistán, India, Irán e Israel. Deste xeito, pretendemos destacar, por un lado, que a discriminación de xénero é unha cuestión universal que afecta a todas as mulleres do mundo, aínda que adquire unhas materialización diferentes en función das continxencias que definen cada sociedade e cultura. E polo outro, que non hai un único xeito de “ser muller” nin unha esencia feminina, senón que a pluralidade de experiencias vitais e de desexos das mulleres obríganos a ter sempre en conta a enorme diversidade de mulleres. Alén deste obxectivo principal, desde o Observatorio preténdese tamén contribuír a pór en valor as contribucións das mulleres aos distintos eidos do saber, destacando neste caso o traballo das directoras de cinema.

Exit mobile version