Site icon Crónica3.com A Mariña

Deixade á cultura en paz!

Deixade á cultura en paz!

O de meterse coa cultura denigrándoa e facendo dela un pandeiro, éche un conto que ven de vello e que a ninguén colle desprevido. No anterior mandato, no concello de Ribadeo temos asistido a unha contumaz marcaxe á concelleira de cultura, Mari Luz Álvarez Lastra, e a todo o seu labor. Ao longo de todos os seus anos como concelleira recibiu innumerábeis apoios que, posteriormente, víronse referendados nas urnas.

Pero toca mirar cara a adiante. E aos que seguen na oposición, facer control da acción de goberno. Agora ben: mentir porque si, difamar a ver se algo queda, non. Cómpre desmontar tanta falacia arteira e trapalleira. Desde a Concellaría de Cultura xa se deron datos certeiros que desmenten tales insidias. E por moito que a unha persoa, de xeito improvisado e inconsciente, se lle ocorra disparar arreo contra a actividade cultural porque está de moda, a xente seria e responsábel debería contrastar antes a información no canto de apuntarse pola comenencia a laretar contra a actividade cultural. Non deixa de ser curioso que os que máis critican o gasto en certa maneira de entender a cultura (a de base), despois son os que celebra(ba)n as inversións faraónicas tipo Cidade da Cultura.

Temos insistido moitas veces tanto na dimensión formativa e enriquecedora da actividade cultural como tamén na súa vertente socio-económica. Cando escoitamos a Banda Municipal, aprendemos, gozamos da música, xeramos actividade social, vida polas rúas. Se ademais vén xente doutros concellos, dun e outro lado da ría, mellor que mellor. E se a nosa Banda leva o nome de Ribadeo alí por onde vai demostrando o seu saber facer, excelente. Outrosí ocorreu con actividades como OFestivalON. Cando se contrata un grupo de teatro, outro tanto do mesmo. Pensar que o teatro para nenos é desbaldir o diñeiro é de necios, pois precisamente grazas a el logrouse incorporar a público adulto a esta actividade. Se ademais hai coordinación con outras concellarías para aproveitaren entre si as diferentes actividades, ideal.

Pero aínda así haberá quen, a pesar das cifras dadas acerca do esforzo económico feito desde a Concellaría de Cultura, siga a dicir que se dilapida o diñeiro. Esta é a semente que plantou, e segue a plantar, a dereita reaccionaria: ao mundo da cultura, nin auga. Só o ven como farándula. Aos docentes, como larcháns. Todo o que soe a aprender a pensar por un mesmo hai que denigralo publicamente. É o que levan feito desde hai anos. Agora, en Ribadeo, sumóuselles un solista que desafina como un descosido. A maior abondamento, está a atopar quen lle quere apañar uns coros. Pero, en fin, mellor facer como quen oe chover e seguir construíndo cultura desde a base, apoiala participando nas distintas actividades, demandándoas. Pola boca ha(n) morrer o(s) peixe(s).

Farruco GRAÑA

Exit mobile version