Site icon Crónica3.com A Mariña

Deputación e concello de Barreiros asinaron un acordo para rehabilitar as escolas de San Miguel

Nota de prensa 1/2
ANTONIO VEIGA ASINOU HOXE O CONVENIO CO CONCELLO DE BARREIROS PARA A REHABILITACIÓN DA ESCOLA HABANERA DE SAN MIGUEL DE REINANTE

Investiranse 310.000 euros para rehabilitar esta antiga escola, recuperando un importante patrimonio cultural e optimizándoa para cumprir cun cometido social

Trátase dunha remodelación integral que afectará ao conxunto do inmóbel, creando nela unha sala multifuncional, salón de actos con escenario, sala de exposicións, oficinas e biblioteca

Lugo, 18 de novembro de 2011. O vicepresidente da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga, asinou no seu despacho esta mañá co alcalde do Concello de Barreiros, o convenio que permitirá, cun investimento de 310.000 euros, a remodelación integral da antiga escola habanera de San Miguel de Reinante. Antonio Veiga anunciou que se investirán “310.000 euros para rehabilitar esta antiga escola, recuperando un importantísimo patrimonio cultural e optimizándoa para cumprir cun cometido social, tal e como nos comprometemos cos veciños e veciñas”.

Segundo explicou Antonio Veiga, “a escola de San Miguel de Reinante é unha construción que data dos inicios do século XX, como as que abundan pola Mariña lucense e a Terra Chá, malia que destaca polo seu tamaño, con 700 metros cadrados de construción e 500 metros cadrados útiles, polo que se pode cualificar de modélica na súa construción e incluso no seu regulamento, xa que foi unha escola moi avanzada á época”. Veiga informou de que a actuación que sufraga a Vicepresidencia Primeira da Deputación trátase “dunha remodelación integral que afectará ao conxunto do inmóbel, creando nela unha sala multifuncional, salón de actos con escenario, sala de exposicións, oficinas e biblioteca, ademais dos correspondentes aseos e vestíbulos, e unha recepción con cafetaría”. Este investimento permitiralle ao Concello de Barreiros dispor dunha infraestrutura excelente para o desenvolvemento de actividades culturais, ao tempo que cumprirá unha función social xa que son moitas as asociacións culturais e veciñais que poderán empregar estas instalacións”.

Veiga explicou que o investimento de 310.775,80 euros para levar a cabo a remodelación da escola de San Miguel está integramente aportado pola Vicepresidencia Primeira da Deputación, con cargo aos orzamentos en tres anualidades: 125.000 euros en 2011; 95.000 euros en 2012, e 90.775,80 euros en 2013. “Con esta actuación recupérase un importante ben patrimonial ao mesmo tempo que se habilita para o uso da veciñanza, co que esta institución segue co seu compromiso en materia cultural e apoiando o tecido asociativo lucense, con investimentos que logran facer máis co mínimo gasto posible, executando unha política ao máximo de eficiencia”

Nota de prensa 2/2

HOXE ASINÓUSE NA DEPUTACIÓN DE LUGO O CONVENIO PARA A REHABILITACIÓN DAS ANTIGAS ESCOLAS DE SAN MIGUEL. ALFONSO FUENTE AGARDA QUE OS VECIÑOS POIDAN DISFRUTAR DAS REMODELADAS INSTALACIÓNS NO ANO 2013.
Ribadeo, 18 de novembro de 2011. O alcalde, Alfonso Fuente Parga, asinou hoxe na Deputación de Lugo xunto ao vicepresidente da institución, Antonio Veiga, o convenio para a rehabilitación das antigas escolas de San Miguel. Os traballos suporán un investimento de máis de 300.000 euros.
O rexedor sinalou que “hoxe na Deputación firmei o convenio para restaurar as escolas vellas de San Miguel de Reinante por importe de 310.000 euros. Fíxeno en compañía dos dous deputados provinciais, Antonio Veiga do BNG, e José Manuel Gómez Fuente do PP”.
Fuente Parga dixo que “este era un tema no que levamos traballando meses para conseguir a financiación. O vicepresidente da Deputación, Antonio Veiga, sempre se mostrou disposto a levar adiante este proxecto. Houbo atrancos, o Concello tivo que facerse propietario dese edificio dado que proviña dunhas antigas escolas da Asociación Hijos de San Miguel y Reinante e entón coa firma do convenio culmina o traballo conxunto que viñemos realizando e que poderán disfrutar todos os veciños de San Miguel”.
O alcalde barreirense indicou que “é un tema que nos chega agora, é moi necesario. Eu entendo que todas as parroquias deben ter un local axeitado e moderno para poder desempeñar as súas tarefas, un local no que poderen reunirse e precisamente nunha das parroquias de maior poboación como é a de San Miguel de Reinante carecían deste local”. Fuente Parga subliñou que “imos axilizar a adxudicación das obras, que se desenvolverán durante o ano 2012 e penso que a principios de 2013 se poderá disfrutar deste edificio remodelado”.
Exposición
A Biblioteca Pública Municipal acolle desde hoxe a exposición fotográfica Entorno e lembranzas. Trátase dunha recopilación de fotos sobre as xentes, as actividades e o entorno de Barreiros. Vaise poder visitar ata o 30 de decembro na propia Biblioteca de luns a venres en horario de 10 a 14 horas e de 17:30 a 19:30 horas.

Exit mobile version