Site icon Crónica3.com A Mariña

En Ribadeo farán actividades de integración, protección e promoción da xuventude, da cohesión e do benestar

Nota de prensa

O CONCELLO ASINA UN CONVENIO DE COLABORACIÓN COA ASOCIACIÓN DIGNIDADE LUGO PARA A REALIZACIÓN DE ACTIVIDADES DE INTEGRACIÓN, PROTECCIÓN E PROMOCIÓN DA XUVENTUDE, DA COHESIÓN E DO BENESTAR SOCIAL.
Ribadeo, 16 de novembro de 2011. O Concello asina un convenio de colaboración coa asociación Dignidade Lugo para a realización de actividades de integración, protección e promoción da xuventude, da cohesión e do benestar social. A concelleira de Saúde e Servizos Sociais, Teresa González Piñeiroa, e Fernando Pérez Lozano, responsable da devantida asociación foron os encargados de selar o acordo.
Teresa González explicou que “a asociación Dignidade Lugo ten entre as súas finalidades a axuda a individuos ou grupos de persoas que sofren de problemas de pobreza, marxinación, enfermidade ou discapacidade, poñendo énfase especial no traballo con nenos e mozos en dificultade social e familias que sofren algunha forma de exclusión social. Traballa tamén no terreo da prevención e contribúe á rehabilitación e reinserción social de persoas estimulando a eliminación das causas que levaron á situación de pobreza, marxinación e / ou exclusión social”.
A Concellaría de Saúde e Servizos Sociais pretende colaborar con iniciativas que fomenten a integración das/dos menores e adolescentes en risco e conflicto social. Tras a sinatura deste convenio, o Concello de Ribadeo facilitará a incorporación dos/das menores e adolescentes en risco e conflito social adscritos á entidade Dignidade Lugo nos diferentes recursos sociais (centro sociais, ludotecas, biblioteca, centros residenciais para a terceira idade) para realizar distintas actividades conxuntas.
A edil nacionalista subliñou que “este convenio facilitará que mozos e mozas que teñan que realizar algún tipo de servizo á comunidade, por orde xudicial, desempeñen esas tarefas en programas propios dos servizos sociais do Concello de Ribadeo”.

Exit mobile version