Site icon Crónica3.com A Mariña

Entrou en funcionamento a zona azul de aparcamento no centro de Ribadeo

Nota de prensa

ENTROU EN FUNCIONAMENTO A ZONA AZUL DE APARCAMENTO NO CENTRO DE RIBADEO. DURANTE A VINDEIRA SEMANA A POLICÍA LOCAL ADVERTIRÁ AOS USUARIOS DA NECESIDADE DE PAGAR POR DEIXAR ESTACIONADO O COCHE NAS INMEDIACIÓNS DA PRAZA DE ABASTOS E NAS RÚAS DOUTOR MOREDA E JOSÉ VICENTE PÉREZ MARTÍNEZ.

Ribadeo, 11 de novembro de 2011. Entrou en funcionamento a zona azul de aparcamento no centro de Ribadeo. Durante unha semana a Policía Local deixáralles notificacións aos coches que non teñan o ticket correspondente, informándoos de que a partires do 21 de novembro poderán ser sancionados cunha multa de 24 euros.

O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, explicou que “desde a tarde de onte xa está en funcionamento esta zona ORA de estacionamento limitado por duración de tempo no entorno da praza de abastos, na rúa Doutor Moreda e na rúa José Vicente Pérez Martínez. Aproximadamente son 100 prazas as que se poderán utilizar cunha novidade ao respecto do que veu acontecendo nos últimos tres anos, que o disco gratuito que dabamos desde o Concello foi substituido por unhas máquinas de tickets como nas cidades ou como noutras vilas”.

O rexedor lembrou que “ésta foi unha iniciativa que levou adiante o goberno municipal no mandato anterior e que contou no seu momento co apoio da Asociación de Comerciantes dado que se vía que o disco, aínda que tiña a virtude de ser gratuito, había xente que viña de fora que non o podía localizar en horario de tarde, non podían ir ao Concello por atoparse pechado ou mesmo non podían atopar á Policía Municipal nese preciso momento nas inmediacións”.

Suárez Barcia engadiu que “establecéronse unhas tarifas bastante baixas, hai que ter en conta que son 20 céntimos por media hora, 40 céntimos por unha hora, 60 céntimos pagaránse por 75 minutos, 80 céntimos por hora e media e 1 euro por dúas horas. O que se persigue é dinamizar o centro de Ribadeo para que calquera persoa que veña cun vehículo poida aparcar no centro durante un tempo limitado para facer as súas compras con comodidade e sen que sexa excesivamente gravoso”.

O alcalde advertiu que “nestes días para non facer un cambio drástico optamos porque a Policía Local ao longo de hoxe e mañá e tamén durante a semana que ven máis que sancionar vai poñer unha serie de notificacións nos parabrisas dos vehículos adevertíndoos de que deben facelo así ou senón poderán ser sancionados, segundo contempla a ordenanza reguladora, cunha multa de 24 euros, aínda que por pronto pago quedaríase reducido a tan só 12 euros”.

Fernando Suárez subliñou que “máis aló de cobrar ou de sancionar o que queremos é que se regule este espazo, que todo o mundo poida aproveitar para facer compras áxiles, para poder aparcar no centro de Ribadeo con comodidade e si alguén quere ter o seu vehículo estacionado xa todo o día ten dous aparcamentos na Avenida de Galicia, na Avenida Rosalía de Castro ou mesmo na rúa Julio Lazúrtegui”.

A zona azul será de aplicación de 9 a 14 horas e de 16 a 21 horas, agás domingos, festivos e mércores pola mañá.

Exit mobile version