Site icon Crónica3.com A Mariña

Lucía, ausencia laranxa na visita do Femesala Elche

Nota de prensa:
LUCÍA, AUSENCIA LARANXA NA VISITA DO FEMESALA ELCHE

O Burela FS Pescados Rubén encara a oitava xornada de Primeira coa ausencia de Lucía, ante un rival que asedia o podio dende a quinta praza, o Femesala Elche (13 puntos). A ala-peche cumprirá un partido de sanción, tras ser expulsada ante o Gironella, a semana pasada, con vermella directa por interceptar un lanzamento de xogo con ocasión manifesta de gol. A bucina marcará o inicio do encontro en Vista Alegre ás 18.30 horas. O adestrador laranxa, Javier Pardeiro, terá a dúbida de Peque ata última hora xa que a madrileña apenas conta con sesións de adestramento trala súa lesión.

Tras o xerro de auga fría da semana pasada en Gironella (4-3), no que as burelás ofreceron un bo xogo aínda que sen demasiada fortuna de cara ao gol, a escuadra mariñá pelexará por retomar o camiño adecuado para continuar aferrado ao ecuador clasificatorio e manter as opcións de catapultarse á zona nobre. “O equipo está moi animado, adestrando con moitas ganas; sabemos que estamos realizando un bo traballo en elaboración, xogo de equipo… aínda que parece que o gol se resiste un pouco“ declarou a capitá burelista, Claudia, que tamén destacou a achega de todas as súas compañeiras ante a mingua de efectivos: “Mentres non teñamos o vestiario ao completo todas estamos realizando un sobreesforzo físico para estar á altura das circunstancias”.

Cun arranque de mérito, as levantinas chegarán a Burela moi motivada, tras o empate ante o Ponte Ourense (3-3) e a derrota, en duelo directo, fronte ao Cajasur Córdoba (0-5).“Vista Alegre poderá presenciar un partido de ti a ti, cun rival moi respectable onde, como ocorre no noso caso, prima máis o colectivo que as individualidades” dixo a focega, confiando en que os tres puntos poidan quedar na casa: “Estamos traballando ben; a forza da casa poderanos axudar para volver á vitoria. Despois dun calendario moi complicado, os tres puntos daríannos alas para encarar a dura visita a Navalcarnero e seguir na loita pola escalada na táboa”.

Exit mobile version