Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Burela considera importante o compromiso do goberno galego co centro hospitalario

Nota de prensa

A XUNTA PÍDELLE INFORMACIÓN AO CONCELLO SOBRE A DISPOÑIBILIDADE DE TERREOS PARA A AMPLIACIÓN DO HOSPITAL DA COSTA. GONZÁLEZ BARCIA CONSIDERA QUE SE TRATA DUNHA NOTICIA IMPORTANTE PARA TODA A MARIÑA ADEMÁIS DE AMOSAR O COMPROMISO DO GOBERNO GALEGO CON ESE CENTRO SANITARIO.

Burela, 16 de novembro de 2011. A Xunta pídelle ao Concello de Burela información sobre a dispoñibilidade de terreos para a ampliación do Hospital da Costa. A conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, asina a carta que hoxe se recibiu no Concello. O alcalde, José María González Barcia, considera que é unha noticia importante para os veciños de Burela e do resto da comarca da Mariña ademáis de amosar o compromiso do goberno galego co centro hospitalario.

O rexedor explicou que “hoxe pola mañá entrou no Concello de Burela unha carta asinada pola conselleira de Sanidade da Xunta e presidenta do SERGAS, Pilar Farjas Abadía, que pola súa importancia reproduzo textualmente Dentro da programación de investimentos do Servizo Galego de Saúde, atópase a execución dunha obra de ampliación do Hospital da Costa de Burela. Co fin de comprobar que as previsións de reserva de terreos que fai o Plan Xeral de Ordenación Urbana dese Concello recollen as necesidades de crecemento do hospital, precisamos coñecer as determinacións do plan para os terreos contiguos ao citado centro e que nos achegue os planos e documentos que a tal fin considere necesarios”.

González Barcia indicou que “a carta ven asinada por Pilar Farjas, penso que é unha noticia importante non só para os veciños de Burela, senón para a conxunto de toda a comarca, porque demostra o compromiso da Xunta co Hospital da Costa, ubicado en Burela, e algo se debe estar movendo porque nos pide ao Concello de Burela que definamos as condicións urbanísticas dos terreos próximos ao hospital para levar a cabo unha ampliación do mesmo cando sexa preciso”. O rexedor engadiu que “ao recibir esta carta, aínda que xa estabamos traballando neste sentido, púxenme en contacto cos técnicos municipais e cos da empresa que está a redactar o PXOM para que de forma automática, en cuestión de días ou incluso de horas, se reflexe no documento que estamos a preparar unha reserva de solo dotacional para poñer a disposición da Xunta de Galicia, cando ésta o estime oportuno, para levar a cabo as obras pertinentes de ampliación do centro sanitario”.

O alcalde de Burela agarda que “nos próximos días poidamos ter definida a superficie que lle podemos ofertar á Xunta e sen dúbida esto se lle comunicará coa maior celeridade posible, porque significa que nós temos que dar un paso adiante, a nosa intención é aprobar o PXOM a principios de ano, non ten porque ser en xaneiro, pode ser en febreiro ou en marzo, pero esto é un excelente condicionante de cara a definilo neste documento, que vai marcar as liñas urbanísticas de Burela das próximas dúas décadas”.

Exit mobile version