Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Cervo asegura que a Deputación invadeu competencias municipais

Nota de prensa

INFORMACIÓN AOS MEDIOS

O ALCALDE DE CERVO MANTÉN QUE A DEPUTACIÓN INVADIU COMPETENCIAS MUNICIPAIS

• Lémbralle aos responsables provinciais que o Concello procedeu ao borrado de 50 metros de liña continua na rúa Bellavista trala modificación da sinalización horizontal feita unilateralmente polo ente provincial

• Este treito atópase dentro dunha vía urbana e a súa regulación do tráfico depende exclusivamente da Policía Local e do Concello

• Os responsables locais xa remitiron as alegacións contra a incoación dun expediente iniciado pola Deputación por este motivo

Cervo, 7 de novembro de 2011.- O alcalde de Cervo, o popular Alfonso Villares, cualificou hoxe de “abuso manifesto de poder” o proceder da Deputación Provincial de Lugo ao iniciar contra este Concello un expediente sancionador polo despintado de 50 metros de liña continua da rúa Bellavista, pertencente á estrada provincial LU-501.

Villares reiterou que o tramo en cuestión, a pesares de formar parte dunha estrada provincial, está dentro do casco urbano da vila de San Ciprián, “e polo tanto, a regulación do tráfico nesta vía é competencia exclusiva do Concello” asegurou. Segundo dixo, dita potestade municipal ven refrendada por dúas actas de senllas reunións mantidas polos responsables municipais con representantes da Garda Civil e da Subdelegación provincial do Goberno. En estas actas oficiais ponse de manifesto que a competencia da regulación do tráfico nas vías urbanas é dos concellos e, ademais, nelas aparece claramente sinalizado cales son os puntos a partir dos cales se delimitan as competencias da Garda Civil e da Policía Local. “Neste tramo do que estamos a falar -asegurou o alcalde- é un tramo que está dentro da zona de competencia do Concello e así o fixemos constar nas alegacións que xa elaboramos dende o Concello contra este expediente”.

Villares quixo lembrar que este novo enfrontamento promovido dende a Deputación xorde trala decisión do ente provincial de proceder a asfaltar unha serie de estradas a poucos días das pasadas eleccións municipais de maneira repentina e sen previo aviso ao Concello. “Hai que recordarlles aos veciños que todo isto comeza uns días antes das eleccións municipais, cando a Deputación comezou a asfaltar no concello unha serie de estradas da súa competencia a toda presa e sen avisarnos para nada; facendo e desfacendo o que eles quixeron. E así foi que, neste treito de vía urbana, unha vez que remataron ese reasfaltado, os señores da Deputación modificaron a sinalización horizontal e suprimiron unhas zonas de aparcamento que eran utilizadas habitualmente polos veciños desa zona. Nos, ante a constancia de que se trataba dun treito de vía urbana e diante das queixas veciñais pola supresión destas prazas de aparcamento, decidimos restituír o pintado orixinal dese treito de 50 metros de estrada” indicou o rexedor.

Neste senso o alcalde indicou que no escrito de alegacións remitido á Deputación o Concello fai constar todas estas cuestións. “Dirixímosmos de xeito cordial -como non pode ser doutro xeito entre institucións- explicándolles que foi o que fixemos e porque o fixemos; e tamén lles advertimos que co seu proceder invadiron competencias que non pertencen á súa administración, se non que son do Concello e que as defenderemos ata o final” recalcou o mandatario local.

Ao fío disto, Villares lembrou que esta é a segunda vez en que a Deputación adopta unha actitude belixerante contra o Concello de Cervo. “A función da Deputación debería ser a de axudar e colaborar con este Concello; pero en lugar diso o que fai con Cervo é ensañarse continuamente e diante disto tamén nos defenderemos diante de quen sexa necesario e ata as últimas consecuencias” e aproveitou para lanzarlle unha pregunta ao Delegado de Obras da Deputación: “Gustaríame que o señor Manuel Martínez respondera publicamente si a ordenación do trafico en zonas urbanas é de competencia municipal ou non” inquiriu o rexedor.

Exit mobile version