Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Ribadeo agarda novas remodelacións no casco vello no que xa se rehabilitaron 160 vivendas

Nota de prensa

FERNANDO SUÁREZ AGARDA QUE AO LONGO DOS VINDEIROS MESES O CASCO VELLO DE RIBADEO SEXA OBXECTO DUN NOVO REMOZADO. DESDE O 2002 REHABILITÁRONSE 160 VIVENDAS E REALIZÁRONSE 9 OBRAS DE URBANIZACIÓN. O ALCALDE FAI UN BALANCE POSITIVO DO CAMBIO QUE ESTÁ A EXPERIMENTAR TODA ESA ZONA.

Ribadeo, 7 de novembro de 2011. No casco vello de Ribadeo procedéuse á rehabilitación de 160 vivendas desde o ano 2002, data na que se puxo en marcha o ARI. Os datos foron ofrecidos esta mañá polo alcalde, Fernando Suárez, que agarda que nos vindeiros meses se lle poida dar un novo remozado a esa zona da vila.

O rexedor sinalou que “dun tempo a esta parte o certo é que a evolución da mellora e rehabilitación do casco vello de Ribadeo é algo que empeza a dar os seus froitos por dúas razóns. A Área de Rehabilitación Integral de Ribadeo, que xa leva varios anos de funcionamento desde o 2002 e tamén pola política que levamos desde o Concello con todas aquelas propiedades que non se suman a esta proposta da administración pública, Xunta, Ministerio e Concello, de sufragar parte do custe da rehabilitación para poñer en valor estes inmobles que, aínda que teñen propiedade privada, realmente responden a un patrimonio colectivo, de todos, como é o casco vello de Ribadeo”.

Suárez Barcia subliñou que “desde o ano 2002 se viñeron rehabilitando en Ribadeo 160 vivendas no casco vello desde que se puxo en marcha o ARI, cunha aportación entre a Xunta e o Ministerio de máis dun millón de euros, e tamén xunto co Concello realizamos 9 obras de urbanización en todo o casco vello. Xa desde hai tempo tamén temos a Área de Rehabilitación de Rinlo, onde se rehabilitaron vivendas cunha aportación pública duns 62.000 euros e obras de urbanización cunha financiación de 70.000 euros, como a praza de Calvo-Sotelo, na que se traballa estes días”.

O alcalde dixo que “ésta é a parte positiva onde a administración aporta unha parte de diñeiro público para lograr poñer en valor estes conxuntos históricos, pero hai unha actuación que levamos facendo de maneira activa nestes últimos catro anos que é actuar dun xeito máis coercitivo con aqueles propietarios que desoen estas posibilidades e teñen as vivendas caendo, moitas veces abandoadas e sen utilizar. De aí que nestes últimos catro anos se abriran 40 expedentes dos que, a día de hoxe, un 40% deles solventáronse de xeito satisfactorio, é dicir executáronse as obras que nos lles esixíamos de cara a conseguir unha estética axeitada… ou están amañadas ou en fase de pedir licenza de obra. Hai un 20% destes expedentes nos que estamos atopándonos con problemas para localizar aos propietarios ou herdeiros, pero seguiremos insistindo ou adoptaremos as medidas que consideremos oportunas coa lexislación que temos á nosa disposición. E hai outro 40% de expedentes que están seguindo trámites administrativos, que si se resolven ben os propietarios terán que rehabilitar esas vivendas e se non queren acabarán recibindo multas coercitivas, como xa algúns deles recibiron, para que entre todos consigamos un casco vello de Ribadeo atractivo”.

Fernando Suárez endagiu “quero poñer na balanza a parte positiva da rehabilitación de que a maioría, sobre todo os que viven en Ribadeo, se adaptan e rehabilitan as súas vivendas de bó grao, e outra parte un pouco máis dura é que ao Concello non lle queda máis remedio, pero que tamén estamos a ver resultados positivos, e aquí aplicámolo básicamente á xente que non vive en Ribadeo, que é propietaria de inmobles aquí, pero que pouco lle importa a situación na que se atopan esas vivendas. Para esta xente seguimos a aplicar unha política de máis man dura, pero como confirman estes datos estamos na boa liña e confío en que a máis corto que medio prazo ao casco vello de Ribadeo se lle poida dar un novo remozado nestes meses que veñen de aquí en diante”.

Exit mobile version