Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Ribadeo explica que a suba das taxas débese ás reducións das achegas da Xunta e do Estado

Nota de prensa:
SUÁREZ BARCIA EXPLICOU QUE AO EQUIPO DE GOBERNO NON LLE FAI GRACIA PROCEDER Á SUBA DALGUNHAS ORDENANZAS FISCAIS. O CONCELLO DEIXARÁ DE PERCIBIR NO 2012 DA XUNTA E DO ESTADO PRETO DE 500.000 EUROS E INGRESARÁ COS INCREMENTOS PROPOSTOS 200.000 EUROS.

Ribadeo, 10 de novembro de 2011. O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, explicou que ao equipo de goberno non lle fai gracia ter que proceder á modificación dalgunhas ordenanzas fiscais, lembrou que Estado e Xunta reducen as súas aportacións aos Concellos de xeito acuciante e dixo que é necesario incrementar algúns impostos e taxas para manter algúns servizos. Suárez Barcia subliñou que o incremento do IPC veúse aplicando no Concello co PP no equipo do goberno, co PSOE e agora tamén se ten que facer. Coa reducción de aportacións do Estado e da Xunta o Concello de Ribadeo deixa de percibir 500.000 euros e cos incrementos propostos a recadación podería chegar aos 200.000 euros.

O rexedor dixo que “ao goberno municipal non lle fai nin pizca de gracia ter que facer todo isto, pero nosoutros temos a responsabilidade de gobernar o Concello de Ribadeo con todas as virtudes e todos os defectos que nos toque xestionar neste momento. Somos os primeiros en recortar e eliminar todos os gastos superfluos que podemos eliminar, pero somos conscientes e non debemos ser demagogos porque cada vez o Estado e a Xunta baixan as súas aportacións aos concellos de xeito máis acuciante. Polo tanto para tentar manter certos servizos públicos e sociais debemos cando menos incrementar no IPC determinadas taxas e tributos. É algo que se fai desde sempre, cando había vacas gordas, cando gobernaba o PP, cando gobernada o PSOE e que agora as vacas non son tan gordas debemos seguir aplicando estes incrementos”.

Fernando Suárez explicou que “o que se estima que deixaremos de recaudar pola minoración de aportacións tanto do Estado como da Xunta serán aproximadamente 500.000 euros e o que estimamos que podemos recadar con estas subas de IPCs poderá chegar a uns 200.000 euros. Nin con esta suba atallaremos esta rebaixa, esta merma do que é autonomía municipal polo modelo de financiamento que temos nos concellos”.

O alcalde sinalou que “favorecemos en moitas taxas que non teñamos que cobrar máis. Hai algunhas coma a ocupación de vía pública por utilización de andamios, onde pretendemos cobrar menos cando a xente ocupe ese espazo poucos días e a medida que vaia sumando máis xornadas o incremento da taxa será maior, pero sempre co afán de que o propio usuario se autoregule e que non pase o que ocorría agora, que por pagar 40 euros alguén podía poñer material de obra ciscado nunha esquina dunha rúa ou beirarrúa durante un mes sen ningún problema”.

Terrazas dos bares

Barcia manifestou que “dámoslle tamén un cambio diferente á ordenanza das terrazas dos bares, parecíanos absolutamente ridículo e moitas veces os veciños tiñan que pedir permiso para pasar pola vía pública, dado que as terrazas invadían todo o espazo porque o que tiñan que pagar de xeito anual era ridículo e aínda para máis inri había moita xente que adebedaba moitas anualidades. Agora non pretendemos cobrar máis, recadaremos máis si se manteñen esas superficies tan importantes que se collían, pero entendo que a xente regularáse e será un beneficio para todos, para os viandantes e para os usuarios destes mesmos establecementos. Aqueles locais que teñan un barril e un cinceiro na beirarrúa pagarán 20 euros ao ano, algo que consideramos simbólico por parte do equipo de goberno”.

Hai unha serie de ordenanzas, que non sofren modificación algunha como as de axuda a domicilio, “a pesares do brutal recorte que nos practicou a Xunta de Galicia, que nos eliminou o 70% desta axuda destinada únicamente á xente maior, á xente sen recursos, á xente que está vivindo soa e que precisa de atención diaria ou prácticamente diaria. Neste tipo de taxas non quixemos gravar en demasía”. Tampouco soben as taxas do mercado.

Escola de música e escolas deportivas

Sobre a Escola de Música o alcalde de Ribadeo indicou que “entendemos que todo o que ten que ver con educación non é un gasto senón que é investimento, é unha labor educativa e social, que facemos os concellos e a Xunta moitas veces se vai de rositas neste tipo de ensino. Queremos que os nosos nenos de Ribadeo en vez de estar pola rúa ciscados poidan estar en espazos de convivencia, de aprendizaxe e de relación social óptima como é a Escola de Música de Ribadeo, pero a pesares disto debemos subir un pouquiño as taxas para facelas rentables, para ir reducindo o enorme déficit que ten. Plantexamos un pago mensual e un incremento dos prezos, que seguen a ser máis que razonables, pero que contribúen a diminuir a diferencia do custe para o Concello e a recadación efectuada”. No caso das escolas deportivas, por exemplo, tamén haberá novidades importantes coma as baixas de oficio daqueles rapaces ou rapazas que estean dous meses sen asistir, “os prezos neste caso non eran moi elevados, os nenos ás veces non ían, as prazas quedaban bloqueadas para eles e non se podía correr a lista para que houbese novas entradas, entón isto cambiámolo para conseguir unha maior xustiza social”.

Por outra banda, o prezo dos vados sube na media doutros concellos da comarcas, pero esta ordenanza tamén introduce novidades como que se considerará infracción a utilización de prazas falsas e tamén haberá as baixas de oficio e retirada de placas para aqueles propietarios que acumulen impagos de máis dun ano.

Facturas pendentes

O Concello recorre a un crédito do ICO por importe de 330.000 euros, “aproveitamos como todos os concellos a posibilidade que nos da o goberno do Estado para financiar esta operación a curto prazo, a devolver en 36 meses. Trátase de facer fronte a facturas impagadas e que nin siquera estaban recoñecidas correspondentes a gobernos anteriores, pero por responsabilidade de goberno debemos afrontar o seu pagamento. Son facturas que abranguen desde o 2001 ata o 2007, e tamén pagaremos outras máis recentes por recomendación da intervención municipal”.

Exit mobile version