Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Ribadeo organizou unha charla sobre a bancarización das caixas

Nota de prensa

Nunha charla moi instrutiva o profesor Xesús Veiga Buxán relatounos o proceso de bancarización das caixas galegas e a posíbel solución final do mesmo. Tras lembrarnos a orixe benéfico-social que sempre cumpriron as caixas de aforros (os montepíos), comentounos como desde finais dos anos 70 comezou un proceso de profesionalización que acabaría facendo das caixas case un banco. Agora ben: as caixas non teñen accionistas, non reparten dividendos entre os propietarios. Tampouco poden ser mercadas por un banco, pero si que podían mercar participacións nun banco. Iso espertaría os receos dos grandes bancos, que xa lles comezaban a botar o ollo. Tan só tiveron que agardar unha situación de crise como a que estamos a vivir para darlle a estocada final. A xestión irresponsábel duns directivos apostando desmedidamente polo sector inmobiliario, e a falta de peso político por parte da nosa comunidade, acabarían rematando (como nos anos 80 co agro e o sector naval ante a Unión Europea) na perda de control sobre o noso aforro. Lembremos que as caixas galegas acumulan o 45% do aforro galego. A que futuro comprador (ben sexa un consorcio de capital galego, un gran banco español ou calquera fondo de inversións americano) lle amarga ese doce tan suculento!

Coa perda de control sobre as nosas caixas corremos moitos perigos: primeiro, de xestión dos nosos aforros; segundo, de perda dun apoio económico moi importante para unha obra social (prestación de servizos sociais, actividade cultural, conservación do patrimonio, etc.). A vida cotián de moitos cidadáns e cidadás vaise ver afectada porque a partir de agora vai primar o criterio do beneficio empresarial con máis intensidade que nunca. E cando unha oficina non sexa rendíbel, pecharase. E reducirase persoal (e aumentarán as colas). E todo isto, coa complicidade do Banco de España, do goberno central e o principal partido da oposición (o PP) e a pasividade do goberno da Xunta.

Exit mobile version