Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG defendeu en Mondoñedo os servizos públicos en contra da política de beneficencia que aplica a dereita

Nota prensa

MARÍA XOSÉ VEGA SAE EN DEFENSA DOS SERVIZOS PÚBLICOS EN CONTRA DA “POLÍTICA DE BENEFICIENCIA” QUE APLICA A DEREITA

A Candidata do BNG por Lugo participou nun mitin en Mondoñedo, onde o nacionalismo galego cifrou en oito millóns de euros os investimentos para a comarca que xerou a súa presenza en Madrid

Mondoñedo, 6 Novembro 11.- A candidata do BNG pola provincia de Lugo, María Xosé Vega, participou onte nun mitin en Mondoñedo, onde volveu presentar ao nacionalismo galego como alternativa en defensa dos servizos sociais de carácter público ante os continuos ‘tesoirazos’ que están a aplicar a Xunta, o Goberno central e a UE para contentar os poderes financeiros.

María Xosé Vega puxo como “dramático exemplo” destes recortes o Sergas “onde a Xunta vai deixar sen asistencia médica aos desempregados, xusto os que máis precisan a axuda pública. Pero eles son os que menos protección reciben mentres que para os bancos hai unha chuvia de millóns”.

“Os galegos e as galegos temos dereito a uns servizos públicos, pero o PP prefire optar pola vella e inxusta política da beneficiencia. A este paso, esta dereita vai acabar facendo bo a Franco”, indicou a cabeza de lista do BNG.

O mitin de Mondoñedo tamén serviu para que o BNG presentase o balance do seu traballo nas Cortes en temas referentes a esa comarca, que segundo o candidato ao Congreso Federico Gutiérrez Estoa “demostra que o BNG é o único voto útil”.

“Non houbo tema que afectase á comarca que non fose da nosa atención. A presenza do BNG en Madrid serviu para conseguir uns oito millóns de euros de inversión do Estado aquí, xa que foi a nosa iniciativa a que impulsou, por exemplo, en Mondoñedo a urbanización do entorno do mosteiro de Alcántara, a renovación da Praza do Seminario e da Fonte Vella, en Riotorto a recuperación das ribeiras do río nas Rodrigas ou a rehabilitación de edificios para convertírense en Vivendas de Protección Oficial ou tamén a rehabilitación da antiga fábrica de algas en Ribadeo”, comentou Estoa.

Exit mobile version