Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG defendeu en Riotorto un xiro nas políticas económicas para saír “dunha crise que están a pagar os que non a provocaron”

Nota de prensa
A CANDIDATA DO BNG ÚNESE AO BERRO COLECTIVO CONTRA A DITADURA DOS ESPECULADORES FINANCEIROS

María Xosé Vega apostou pola banca pública nun mitin en Riotorto, onde o alcalde, Federico Gutiérrez Estoa, denunciou a catástrofe que supón o enorme aumento do paro na comarca, golpeada polos continuos EREs

RIOTORTO, 5 Novembro 11.- A candidata do BNG pola provincia de Lugo ás eleccións do 20N, María Xosé Vega, participou onte nun mitin en Riotorto, onde defendeu un xiro nas políticas económicas para saír “dunha crise que están a pagar os que non a provocaron”.

“Resulta impresentábel que á nosa mocidade só lle dean a elixir entre o paro e a emigración. E aínda é máis grave que ademais se lle queira quitar á palabra á xente para poñerse ás ordes dunha elite depredadora á que ninguén votou. Como están a facer milleiros de persoas nas rúas, dende o BNG unímonos a ese berro contra os escándalosos beneficios que se reparten os especuladores financeiros mentres o resto camiña cara a miseria”, indicou María Xosé Vega, que puxo como exemplo desta inxustiza o que ocorreu coas caixas galegas: “Hai que pedirlle á Xunta que aposte agora que pode pola banca pública, tal e como levamos moito tempo pedindo dende o BNG. Necesitamos un instrumento que faga circular o crédito ás familias e as pequenas empresas”.

A cabeza de lista por Lugo tamén destacou os beneficios que supuxo para Galiza a presenza do BNG no Congreso dende 1996. “En calquera comarca deste país hai unha proba da utilidade que ten o voto ao nacionalismo galego e coñécese algún investimento que só chegou grazas á nosa insistencia en Madrid”, destacou.

Pola súa parte, o alcalde de Riotorto, Federico Gutiérrez Estoa, denunciou a dramática suba do paro na zona nos últimos meses, con tres procesos de EREs “que están a converternos nun deserto industrial se non lle poñemos remedio, e o remedio pasa polo voto ao BNG”. “Temos que cortarle a billa á banca e aos especuladores e rexeitar ás forzas políticas que non son máis que sucursais da gran patronal e por riba só aplican a austeridade sobre os instrumentos públicos máis necesarios para crear emprego”, afirmou.

Exit mobile version