Site icon Crónica3.com A Mariña

O concello de Cervo consentiu a Mesa Local de Comercio “un órgano consultivo presidido polo alcalde”

Nota de prensa
CERVO CONSTITÚE A MESA LOCAL DE COMERCIO

É un órgano consultivo do Concello presidido polo alcalde, composto por representantes do comercio cervense, asociacións de consumidores; e no que tamén ten representación a Xunta de Galicia, para tratar asuntos de competencia municipal que sexan do interese dos comerciantes.

Cervo, 25 de novembro de 2011.- A sala de xuntas do Concello de Cervo acolleu hoxe o acto de constitución da Mesa Local de Comercio, presidida polo alcalde, Alfonso Villares. Na mesa están, ademais, un representante da Consellería de Economía e Industria; a presidenta da Asociación de Consumidores e Usuarios “En Marcha” (Conumar), Pilar Iglesias; a secretaria da asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos de San Ciprián, Aranzazu Rodríguez; e a concelleira de Xuventude e Igualdade, Pilar Álvarez. Como secretaria, está Begoña Alonso, concelleira de Medio Ambiente, Turismo e Sanidade do Concello de Cervo.

Coa constitución da Mesa Local de Comercio, Cervo atende a unha lei da Xunta do 17 de decembro de 2010 para a creación desta entidade que “actuará como órgano colexiado da participación, coordinación, cooperación e colaboración entre a Administración Local e os axentes representativos del sector comercial”. Entre as finalidades que motivan a creación deste organismo, cabe mencionar a intención de lograr un maior dinamismo e unha efectiva modernización do comercio local. Asemade, entre os obxectivos que motivan a súa constitución figuran o interese por contar con esta nova Mesa Local do Comercio como foro de debate plural entre os distintos axentes económicos e as administracións. “O que se pretende é que a Mesa Local do Comercio se converta nunha plataforma colectiva na que se poidan debater aquelas iniciativas públicas e privadas que teñan por obxecto revitalizar o comercio minorista e de proximidade” precisou o rexedor cervense.

Proxecto de sinalización en zonas peonís

Nesta primeira xuntanza, os membros da Mesa Local do Comercio de Cervo aproveitaron para presentar un proxecto de sinalización horizontal nas zonas peonís dos núcleos de Cervo e San Ciprián. Segundo indicou Alfonso Villares, este proxecto foi subvencionado pola Xunta de Galicia e a súa materialización figura dentro do programa operativo FEDER Galicia 2007-2013 para adecuación e modernización de equipamentos comerciais a través da convocatoria 2011 do plan Re-Comercia da Xunta de Galicia.

Exit mobile version