Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo destina 7.500 euros a subvencións para entidades educativas e sen ánimo de lucro

Nota de prensa

O CONCELLO APROBA AS BASES PARA AS AXUDAS DESTINADAS ÁS ANPAS E CENTROS EDUCATIVOS

Esta convocatoria dispón dunha dotación orzamentaria nos presupostos municipais de 7.500 euros

Cervo, 8 de novembro de 2011.- O Concello de Cervo ven de aprobar as bases da convocatoria de axudas e bases reguladoras para as subvencións a entidades educativas e sen ánimo de lucro para o presente ano 2011.

Segundo sinalaron o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e a concelleira de Educación, Yolanda Pedreira, esta convocatoria dispón dunha dotación orzamentaria nos presupostos municipais de 7.500 euros. O obxecto da mesma é regular o procedemento da concesión de subvencións en réxime de concorrencia competitiva para fomentar as actividades educativas, culturais ou recreativas entre a comunidade escolar que realicen as asociacións de Nais e Pais do municipio e os tres centros de ensino afincados no termino municipal (os de Ensinanza Primaria de Cervo e San Ciprián, e IES Marqués de Sargadelos).

Ademais de subvencionar as actividades anteriormente citadas, esta liña de axudas tamén contempla a posibilidade de subvencionar aqueles gastos de funcionamento, conservación, de carácter menor das entidades ás cales van dirixidas, sempre e cando non teñan o carácter de investimento. No caso dos centros der ensino, as actividades subvencionables so poderán ser aquelas que non dispoñan doutro tipo de financiamento público, nin privado.

O prazo de presentación de solicitudes é de 20 días dende a publicación destas bases no BOP (previsiblemente na vindeira semana). De tódolos xeitos, a concelleira de Educación, Yolanda Pedreira, puntualizou que no momento de saír publicadas ditas bases, o Concello porase en contacto coas ANPAS e centros de ensino para informarlles do inicio do prazo de presentación de solicitudes.

Aposta firme e decidida

Alfonso Villares, dixo que estas axudas veñen a cumprimentar outra xeira de investimentos en materia de adecuación e mellora que o Concello está a desenvolver conxuntamente coas comunidades escolares dos respectivos centros e salientou a implicación do Goberno local nos últimos anos no fomento da mellora da calidade do ensino nos centros escolares do termino municipal.

O rexedor lembrou ademais que Cervo é un dos concellos pioneiros en materia de axudas de carácter educativo. “Dende o Concello estamos adicando unha cifra de cartos importante anualmente neste eido. Cumpre lembrar que ademais destas axudas directas ós centros e ás ANPAS, tamén outorgamos axudas para a compra de libros e material escolar para os alumnos de Educación Infantil e tamén para o transporte dos alumnos nas distintas etapas da súa educación. Tamén hai que engadir os gastos que anualmente asumimos en traballos de mantemento das instalacións; así como os soldos dos conserxes para dar servizo aos centros de ensino obrigatorio e que anualmente supoñen un gasto importante para os veciños e veciñas de Cervo” indicou Villares.

Exit mobile version