Site icon Crónica3.com A Mariña

O concello de Cervo entregou axudas para libros e material escolar

Nota de prensa

O CONCELLO OUTORGA MÁIS DE 3.600 EUROS EN AXUDAS Á COMPRA DE LIBROS E MATERIAL ESCOLAR DO CURSO 2011-2012 PARA OS ALUMNOS DO SEGUNDO CICLO DE EDUCACIÓN INFANTIL

Na presente convocatoria beneficiaranse un total de 37 escolares que cursan estudos nos centros educativos do concello

Cervo, 16 de novembro de 2011.- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e a concelleira de Educación, Yolanda Pedreira, fixeron esta tarde entrega dos cheques de axuda para a compra de libros e material escolar do actual curso 2011-2012 a 43 alumnos de segundo ciclo de Educación Infantil do municipio.

Nesta ocasión recibíronse no Concello un total de 39 solicitudes (que corresponden a 43 alumnos). Despois de rematado o prazo para que os solicitantes aportaran a documentación necesaria, a comisión avaliadora concedeu axudas a 33 solicitudes (correspondentes a 37 escolares) por axustarse ás bases da convocatoria; mentres que 3 foron rexeitadas por superar o máximo permitido de renda per cápita e outras 3 por non estar empadroada no termino municipal a unidade familiar solicitante.A contía total destas subvencións ascende a 3.643,55 euros e a cantidade máxima que percibirán os beneficiarios é de 130 euros.

O alcalde lembrou no acto de entrega que este é o terceiro ano no que o Goberno local abre esta liña de axudas para os escolares de segundo ciclo de Educación Infantil que cursan estudos nos centros escolares do municipio. Ademais, salientou a importancia deste tipo de subvencións para o grupo de Goberno local “porque consideramos prioritario axudar economicamente ás familias nestes tempos de dificultades”. Villares e Pedreira aseguraron tamén diante dos asistentes que o Goberno local está comprometido coa Educación “porque é un piar fundamental para o futuro dos nosos veciños” e garantiron que nos vindeiros cursos o Concello de Cervo “vai seguir con esta mesma liña de axudas educativas sen baixar en ningún momento a contía delas”

Coincidindo co inicio do curso escolar, a concellería de Educación do Concello de Cervo convoca anualmente a liña de axudas municipais para a adquisición de libros e material escolar destinada aos alumnos do segundo ciclo de Educación Infantil do concello.

Nesta convocatoria podían optar ás axudas aquelas unidades familiares empadroadas no municipio que tiveran fillos de tres a cinco anos (segundo ciclo de Educación Infantil) cursando estudios nalgún dos centros educativos do término municipal e que a súa renda familiar non superara o 150% do Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (IPREM) per cápita.

Exit mobile version