Site icon Crónica3.com A Mariña

O concello de Ribadeo segue medrando e ten 10.266 persoas empadroadas, 243 menos do que recolle o INE

Nota de prensa

O INNSTITUTO NACIONAL DE ESTADÍSTICA VEN DE RECOÑECER QUE RIBADEO TEN MÁIS DE 10.000 HABITANTES, CIFRA INFERIOR ÁS 10.266 PERSOAS QUE HAI REXISTRADAS NO PADRÓN MUNICIPAL. O ALCALDE SUBLIÑOU QUE RIBADEO SEGUE A MEDRAR DE XEITO SISTEMÁTICO ANO TRAS ANO.

Ribadeo, 28 de novembro de 2011. O INE ven de recoñecer que Ribadeo ten máis de 10.000 habitantes, algo que xa figuraba no padrón municipal hai catro anos, tal e como lembraba no día de hoxe o alcalde, Fernando Suárez. O rexedor subliñou que Ribadeo segue a medrar de xeito sistemático e que cada vez son máis as persoas que elixen este concello para vivir. De todos os xeitos o padrón municipal ten rexistradas a 10.266 persoas.

Suárez Barcia lembrou que “hai agora catro anos por estas mesmas datas eu anunciaba que o concello de Ribadeo acababa de chegar aos 10.000 habitantes no seu padrón municipal”. E subliñou que “agora catro anos despois xa somos 10.266 habitantes inscritos no termo municipal de Ribadeo, pero a noticia agora é que o INE (Instituto Nacional de Estadística), que sempre recolle menos habitantes dos que realmente están empadroados por reclamacións, etc, acaba de recoñecer que o concello de Ribadeo ten 10.023 habitantes”.

O alcalde dixo que “se trata dunha cifra inferior aos 10.266 que obran no noso padrón, pero que en todo caso demostra que o concello de Ribadeo responde a unha tónica de crecemento sistemático ano tras ano. Ribadeo é unha vila e un concello que medra, con servizos, con xente que quere vivir en Ribadeo, que deixa outros sitios e ven vivir aquí, pero tamén si facemos unha visual polas parroquias e pola vila podemos advertir que a día de hoxe dous tercios da poboación viven na vila de Ribadeo, concretamente 6.826, e tan só un tercio viven nas parroquias, 3.410 persoas”. Fernando Suárez indicou que “a tónica de despoboamento das parroquias é algo inevitable, moita xente deixa esas zonas e se ven vivir a Ribadeo. Aínda que no conxunto vaiamos gañando poboación e habitantes, quen os gaña é a vila de Ribadeo e non as parroquias”.

O rexedor engadiu que “este reto tan apaixoante que ten o goberno municipal e os gobernos que veñan de aquí en diante deberán seguir traballando por un concello vivo, por un concello que medra, por un concello no que cada vez viven máis xente, tal e como acaba de recoñecer finalmente o Instituto Nacional de Estadística”.

Exit mobile version