Site icon Crónica3.com A Mariña

O goberno do estado admite non poder garantir o voto dos mariñeiros embarcados, explica o BNG

Nota de prensa

EN RESPOSTA AO BNG, O GOBERNO ADMITE NON PODER GARANTIR O VOTO DOS MARIÑEIROS EMBARCADOS

Lobeira responde ao director xeral de Relacións Parlamentarias, Roberto Castro que “hai máis garantías para que voten os mortos que os electores embarcados ” e acusou ao Goberno galego de non facer ningunha xestión para que os mariñeiros poidan votar a través de urnas nos buques

Santiago de Compostela, 17 de novembro, 2011. O portavoz de Pesca do BNG, Bieito Lobeira denunciou hoxe, en comisión, a imposibilidade dos mariñeiros embarcados a exerceren con garantía o seu dereito ao voto, a través dunha pregunta oral na Comisión de pesca, celebrada hoxe no Parlamento galego.

O nacionalista afirmou que teñen máis garantías de “votar os mortos” que os mariñeiros e acusou ao Goberno galego de “non facer nada” nin presentar ningunha proposta para resolver o problema.

Na súa intervención, Lobeira lembrou que nas Cortes do Estado foi creada unha subcomisión a instancias do BNG pero fomos “inxenuos”,dixo, porque esperamos e confiamos que se ía resolver esta cuestión e demos o noso apoio a contrastar, a través de diversos informes técnicos, a garantía do exercicio do voto secreto e libre. Sen embargo, engadiu, atopámonos no ano 2010 co “veto” do Partido popular e PSOE a poñer en marcha as medidas necesarias que conducirían á resolución deste problema.

Lobeira reiterou que a imposibilidade dos mariñeiros a poder votar é un proceder que responde á falta de vontade política do Partido popular que reduce a cuestión a un “problema técnico”.

O deputado considerou que se o problema é de tipo tecnolóxico pode ser resolto a través de “mesas a bordo” cun capitán velando polo proceso porque se os capitáns poden oficiar cerimonias de matrimonio e certificar defuncións, tamén poderá,-dixo-, “certificar a fiabilidade dos votos dos mariñeiros embarcados”.

Pola súa parte, o director xeral de Relacións institucionais e parlamentarias afirmou que a Xunta de Galiza carece de competencias para reclamar o voto dos embarcados.

O parlamentario do BNG concluíu afirmando que é difícil de entender que os astronautas americanos poidan votar e aos mariñeiros galegos se lles impida exercer este dereito.

Exit mobile version