Site icon Crónica3.com A Mariña

Inega e Portos de Galicia estudarán a implantación de instalacións eólicas en tres portos galegos

Nota de prensa

ECONOMÍA E INDUSTRIA FOMENTA A XERACIÓN DE ENERXÍA EÓLICA DE PEQUENA POTENCIA NOS PORTOS GALEGOS

O Instituto Enerxético de Galicia asinará un convenio con Portos de Galicia para o estudo da posibilidade de implantar instalacións eólicas en tres portos da comunidade
A actuación encádrase dentro da estratexia da Xunta de Galicia de aposta polas fontes renovables e o aforro e a eficiencia enerxética, que suman un total de 58,1 millóns de euros de investimento no que vai de lexislatura, o que xera a mobilización de investimentos por valor de 167,6 millóns
Con esta acción perséguese a incorporación de fontes enerxéticas menos contaminantes e a redución do consumo de enerxía nos portos

O Consello da Xunta autorizou hoxe ao Instituto Enerxético de Galicia (Inega), ente adscrito á Consellería de Economía e Industria, a sinatura dun convenio de colaboración con Portos de Galicia e co Instituto para a Diversificación e o Aforro da Enerxía (IDAE) para a realización dun estudo que analice a capacidade de integración da enerxía eólica de pequena potencia –ata 100 kW- nos portos de Galicia.

Esta actuación, para a que se achegan un total de 55.000 euros, encádrase dentro do fomento das enerxías renovables e do Plan de Aforro e Eficiencia Enerxética 2011-2013 nas administracións públicas galegas, co que o Goberno galego pretende acadar unaforro de ata o 40% no consumo de enerxía final.

Sobre a base destas actuacións, a consellería que dirixe Javier Guerra leva investidos no que vai de lexislatura 58,1 millóns de euros, que xeran a mobilización de investimentos por valor de 167,6 millóns e un aforro económico de 89,6 millóns de euros.

O presente acordo permitirá a selección de tres portos da comunidade –Rías Altas, Medias e Baixas- nos cales se fará unha análise dos custos asociados a este tipo de instalacións e se definirá un proxecto tipo para cada un.

A Consellería de Economía e Industria persegue, así, adecuar o consumo de enerxía nos portos da comunidade, establecendo para iso o marco base de colaboración que favoreza as relacións entre as partes implicadas.

Deste xeito, ademais de analizar a demanda eléctrica dos portos e a viabilidade técnicoeconómica dos proxectos, emitirase un informe final que recollerá as posibilidades de desenvolvemento destes, permitindo coñecer a repercusión que sobre a xestión dos portos ten a implantación de eólica de baixa potencia.

A aposta polas fontes renovables, xunto co aforro e a eficiencia, son obxectivos estratéxicos da política enerxética da Xunta, que se centra en impulsar a redución do alto consumo enerxético, a diminución das emisións de CO2, a creación dun tecido industrial e o aforro económico que leva aparellado.

Exit mobile version