Site icon Crónica3.com A Mariña

O orzamento da Deputación para 2012 reduce en 2 millóns o gasto corrente e superará os 92 millóns de euros

Nota de prensa

O Orzamento 2012 superará os 92 millóns de euros grazas á xestión dos programas premiada por Europa

– O Presidente reivindica no Parlamento a necesidade de “repensar Galicia” e “dun pacto de país” no que partidos e institucións definan as liñas mestras para reordenar o sistema de competencias locais e para afrontar o “maior problema galego: a súa hemorraxia social”

– Gómez Besteiro explica que o Presuposto da Deputación reduce en 2 millóns o gasto corrente, principalmente no capítulo de persoal, que baixa nun 13%. Os soldos do Equipo de Goberno seguen conxelados

– A débeda tamén rexistra unha importante baixada, ó amortizarse 4,6 millóns, cumpríndose de novo coa estabilidade económica-financeira

– O obxectivo de Besteiro é que as contas, que contemplan partidas para executar a rede provincial de residencias e o centro de recría, “dous proxectos que inciden directamente no asentamento demográfico”, se aproben neste mes e entren en vigor o 1 de xaneiro

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, avanzou este xoves na Comisión de Economía e Facenda do Parlamento de Galicia que o Orzamento consolidado do organismo provincial para o ano 2012 será sensiblemente superior ó de 2011, que estaba cifrado en 92 millóns de euros. Gómez Besteiro subliñou que este incremento se produce grazas a que a Unión Europea premiou á Deputación pola súa xestión dos programas comunitarios e revalidou as súas tres propostas, aprobando 25 millóns de euros de presuposto para executalas. “Queremos ter o Orzamento aprobado en novembro co fin de que entre en vigor o 1 de xaneiro. Subliño que o Presuposto estará equilibrado e seguimos en estabilidade económica-financeira, despois de ser a primeira Deputación galega que aprobara hai tres anos un plan con este fin. Despois dos programas europeos que rematamos con éxito no anterior mandato, sen un só reparo nas auditorías e adxudicados sempre en tempo e forma, a Deputación de Lugo acaba de converterse este ano na quinta entidade local en España que máis fondos europeos recibiu na nova convocatoria. Pasamos de captar o 15% de todos os fondos destinados a Galicia ó 30%, sendo ademais a única Deputación galega á que non lle rexeitaron ningún proxecto. Suman 25 millóns de euros, dos que 17.781.162 euros corresponden á subvención europea e o restante, á parte proporcional que aportará a Deputación para executar durante 3 anos”.

Ademais do presuposto da propia Deputación, o Orzamento consolidado constará do correspondente ó Instituto Lucense de Desenvolvemento Económico (INLUDES), con 8 millóns, e a Sociedade Urbanística Provincial (SUPLUSA), con 7 millóns.

Gómez Besteiro explicou cal será o destino dos fondos europeos: xerar actividade económica para crear emprego que fixe poboación no medio rural, “que é a mellor forma de cooperar cos Concellos”. “Segundo os expertos en despoboamento, hai unha serie de estratexias que equilibran o rural e favorecen o asentamento da poboación. Son as novas tecnoloxías, os programas de economía medioambiental e a creación de emprego. Pois isto é exactamente ó que se vai dedicar a Deputación de Lugo”, indicou a través dos seguintes programas:

O programa de administración electrónica, Innova-TE 2, con case 15 millóns de euros, foi o 4º que conseguiu máis financiamento en España. Co Innova-TE 1 ofreceuse ós Concellos asesoramento in situ, equipamento informático, banda longa nas casas consistoriais, etc. O investimento medio por Concello foi de 300.000 euros. O Presidente pediu á Xunta “a mesma axilidade para estender a banda longa en toda a provincia de Lugo”, pois “coincido co pensador Manuel Castells en que canto máis autónomo se é, o uso de internet é maior. E canto máis internet se usa, máis autónomo se é”.
O programa de economía medioambiental, “Lugo2”, superará os 6,5 millóns. O de creación de Emprego, “Pacto provincial polo emprego 2”, contará con 3,5 millóns, a 5ª maior asignación de todo o Estado. Co súa posta en marcha formarase a 1.200 desempregados nas profesións con máis futuro.

“Un proxecto político de país”

Na súa comparecencia, a quinta que fixo Besteiro no Parlamento, reivindicou “un pacto de país no que as diferentes forzas políticas e institucionais definamos dunha vez por todas o noso papel, as liñas mestras da reordenación do sistema de competencias locais. Acompañada, esta vez si, do financiamento local axeitado”. “Falta un proxecto político de país, de modelo económico, de conciencia e autoestima; hai que repensar Galicia”, recalcou o Presidente, para afrontar ademais “o maior problema de Galicia, o máis importante: O despoboamento demográfico, a hemorraxia social”. “Non nos enganemos. Só as rexións europeas que acadaron o equilibrio territorial, chegaron ó crecemento económico. E aquí seguen existindo dúas Galicias: a urbana e a rural. A que vive das rendas e do traballo, e a que vive das pensións. A que é e será… e a que foi e ten poucas posibilidades de ser, ata que algún deixe de pensar que o que se inviste no rural vai a fondo perdido”, engadiu.

Neste senso, lembrou que a Deputación de Lugo foi “pioneira en reaccionar contra o despoboamento demográfico, rachando o silencio administrativo, creando unha área propia de goberno sobre este asunto, abríndoo nun foro ó debate público e institucional –onde por certo, a Xunta de Galicia foi a única administración que declinou participar-. Mesmo solicitamos á FEGAMP a creación dun grupo estable de traballo contra a hemorraxia social para desenvolver programas específicos porque 250 dos 315 concellos galegos perderon poboación. Repito, neste asunto, coma noutros, temos que chamarnos, organizarnos e coordinarnos”.

Recorte de gasto corrente e redución da débeda

Gómez Besteiro expuxo na Cámara autonómica que os Orzamentos de 2012 contemplan un importante recorte do gasto corrente, en especial no apartado de persoal, así como unha redución da débeda da institución. “Desde o 2008 xa fixemos recortes no gasto corrente improdutivo e duros axustes. Do ano pasado a este a baixada case representa 2 millóns de euros, salvo o que chegue por fondos europeos e que obrigatoriamente haxa que incorporar a este capítulo”, sinalou.

Neste senso, no Presuposto de 2012 a baixada máis importante prodúcese en gastos de persoal, que pasa de 1.863.000 a 1.590.000 euros (un 13%). Os asesores redúcense con respecto ó pasado mandato nun 20%, aínda que os dependentes de Presidencia baixaron máis, nun 30%. En canto á partida para o funcionamento dos membros do goberno provincial aplícase un recorte do 25%. Neste senso, os soldos do Presidente e do Equipo de Goberno están conxelados dende o 2010, antes da entrada en vigor do Real Decreto de Redución do Déficit Público.

Con respectó á debeda, o xefe do Goberno provincial explicou que “amortizamos 4,6 millóns de euros de débeda e non superamos un crédito de 4,5. Polo que cumprimos a estabilidade orzamentaria, cumprimos por baixo do máximo do 75% dos dereitos liquidados e, en época de crise, conseguimos estar 3 puntos por debaixo da previsión que se fixo no ano 2008 no plan económico-financeiro para este ano”.

En canto ós ingresos, a Deputación, segundo incidiu o Presidente, mantén as achegas dos ingresos do Estado, se ben hai que devolver a liquidación definitiva dos ingresos do 2009, que sumarán 5,8 millóns de euros no 2012.

“A Xunta retrasa a execución das residencias”

O Orzamento contempla partidas “para continuar con proxectos que inciden directamente no asentamento demográfico e na cooperación cos Concellos”, subliñou Besteiro. Trátase dos seguintes:

A construción dunha rede de 12 residencias da terceira idade con centros de día en Concellos de todas as cores políticas, e a subvención do proxecto técnico para o xeriátrico de Becerreá e as obras de remate da residencia de Monterroso. En total son 15 millóns de euros e crearanse 500 prazas. O Presidente provincial lembrou que con esta iniciativa Deputación cumprirá tres obxectivos esenciais: crear ducias de postos de traballo directos e indirectos no rural, favorecer o asentamento de poboación; ofrecer calidade de vida ós maiores sen saír do seu entorno; e os concellos terán retorno económico nas súas arcas polas licencias, etc. Neste punto, Gómez Besteiro fixo un chamamento á Xunta, “que está retrasando a execución das residencias”, para que a Administración autonómica concerte prazas, “como fai ata cos centros privados, cumprindo non só coa súa obriga competencial, senón co seu compromiso político antes das eleccións”.
A construción do primeiro centro público de recría de gando en España na granxa provincial Gayoso Castro. Estase executando a primeira fase, máis dun 50% do total, que suma case 6 millóns de euros financiados con fondos propios. “É un dos proxectos máis ambiciosos das últimas décadas no campo”, apuntou Besteiro, “que terá capacidade para unhas 3.000 novillas, inaudito ata o momento en Galicia”. A posta en marcha das instalacións aforrará numerosos custes (unha media de 300 euros por animal) ós gandeiros que hoxe se ven na obriga de facer a recría fóra de Galicia. “Moitos días vexo a agricultores que venden o seu leite e mercan os iogures que se fan con ela. Temos pendente a tarefa da transformación e a comercialización de produtos. Se a crise gandeira non se resolve, o rural morre. E Galicia é rural. Creo que a Xunta aínda non se decatou”, argumentou o Presidente.
O Equipo de Goberno que dirixe Gómez Besteiro conseguiu desbloquear a creación do Consorcio Provincial de Parques de Bombeiros de Lugo. Sufragado ó 50% co Xunta de Galicia, no Orzamento do 2012 faise unha previsión económica de máis de 2,4 millóns de euros.

Por outra banda, o titular do Executivo provincial reclamou na sé parlamentaria a transferencia de estradas impropias: “No Orzamento vémonos obrigados a reservar 11 millóns de euros para manter a rede provincial de estradas máis estensa de España: 4.200 quilómetros. A Xunta non poder manter máis anos bloqueada esta situación”.

Exit mobile version