Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP di que celebra iniciar un debate entre todos os grupos parlamentarios que conduza a unha nova Lei do Solo consensuada

Nota de prensa

O voceiro de Ordenación do Territorio, Román Rodríguez, indicou que “debemos aproveitar un momento sen presións urbanísticas, a experiencia dos grupos políticos e o acordo dos profesionais”

O GRUPO POPULAR CELEBRA A “OPORTUNIDADE” DA PROPOSTA FEITA POLO CONSELLEIRO DE TERRITORIO NO PARLAMENTO PARA CONSENSUAR UNHA NOVA LEI DO SOLO

•    Rodríguez salientou “a importancia de ter un marco legal orientado, sobre todo, a favorecer a elaboración de plans xerais, pois a planificación é base para unha correcta xestión urbanística e territorial”

•    O voceiro do Grupo Popular subliñou a importancia da elaboración de plans xerais “como instrumento básico para a planificación e a organización dun concello, así como para a reducir incertidumes e para a seguridade xurídica”

Santiago, 23 de novembro de 2011.- O voceiro de Ordenación do Territorio do Grupo Popular, Román Rodríguez, celebrou hoxe “a oportunidade” da proposta plantexada polo conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, para iniciar un debate entre todos os grupos parlamentarios que conduza a unha nova Lei do Solo consensuada, porque “debemos aproveitar o bo momento actual no que non existen presións urbanísticas polo parón existente, a experiencia e madurez acadada en funcións de goberno e oposición por todas as formacións políticas parlamentarias e o acordo entre profesionais para facer un novo marco normativo”.

Román Rodríguez salientou “a importancia de ter un marco legal orientado, sobre todo, a favorecer a elaboración de plans xerais, pois a planificación é base para unha correcta xestión urbanística e territorial”. Por este motivo, o voceiro do Grupo Popular cualificou como “moi positivo o esforzo que fai a Consellería e o propio conselleiro para chegar a un punto de encontro nesta materia” e amosou a súa esperanza en que se “superen antagonismos estériles, liortas de corto percorrido e usos inadecuados do urbanismo”.

“Nós collemos a testemuña deixada polo conselleiro desde a nosa responsabilidade para deseñar un modelo urbanístico que permita acadar unha maior calidade de vida para os cidadáns e un maior potencial de desenvolvemento para o noso territorio”, sinalou Román Rodríguez.

IMPORTANCIA DOS PLANS XERAIS

O voceiro do Grupo Popular subliñou a importancia da elaboración de plans xerais “como instrumento básico para a planificación e a organización dun concello, así como para a reducir incertidumes e para a seguridade xurídica”. “É básico para a xestión integral dun termo municipal, no só para fixar construccións no espazo senón tamén para xestionar a propiedade do solo; obter recursos públicos; a construcción de equipamentos, servizos e infraestruturas; e mesmo como referencia fiscal”, apuntou.

Respecto á proposta formulada polo conselleiro, Rodríguez indicou que a aprobación dunha nova Lei do Solo conlevaría “maior seguridade xurídica para todos os axentes, maior transparencia e participación cidadá, reforzamento dos criterios de sostenibilidade e de mellora paisaxística, capacidade para dar unha resposta efectiva ás demandas dos cidadáns e dos sectores productivos, e, finalmente, unha maior flexibilidade para adaptarse aos cambios do entorno”.

“En definitiva, un urbanismo que solucione problemas e que non os xere, que posibilite e que compaxine o respecto e conservación dos valores ambientais-paisaxísticos co uso humano; e que sirva á sociedade e non sexa un instrumento de confrontación”, manifestou o voceiro de Ordenación do Territorio do Grupo Popular.

Exit mobile version