Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE alerta da tardanza na comunicación dos resultados de probas citolóxicas do Hospital da Costa

Nota de prensa

VECIÑAS DE CERVO E DA MARIÑA RECIBEN A CONFIRMACIÓN DE CERTAS ANOMALÍAS EN CITOLOXÍAS QUE REALIZARON HAI MESES

-Os socialistas subliñan que “o director do Hospital da Costa minte cando asegura que o tempo máximo para recibir estes resultados é un mes”

-Ante a pasividade da Xunta en materia sanitaria, “propoñeremos iniciativas para garantir estes prazos” e mentras, aconsellan a tódalas mariñanas que “sexan elas mesmas as que se preocupen dos resultados”

CERVO, 9 DE NOVEMBRO. Os membros do Grupo Municipal Socialista de Cervo alertan da tardanza na comunicación dos resultados de probas citolóxicas. Son varias as veciñas que nos manifestaron a súa situación, “é moi grave que unha muller saiba os resultados deste tipo de probas varios meses máis tarde”.

Normalmente o procedemento a seguir é o seguinte, a paciente acude a realizar esta proba e sabe que se nun prazo corto non recibe noticias, é que os resultados son positivos. Os socialistas subliñan que “moitas mulleres dende que pasa un tempo prudencial, encóntranse tranquilas, porque supoñen que a cousa foi ben, pero a desagradable sorpresa aparece cando, despois de varios meses, reciben unha chamada telefónica para confirmar un resultado anómalo. Non podemos consentir que se acepte como prazo corto, varios meses, porque esta espera incrementa tamén o tempo de resposta co tratamento necesario.”

Dende o GMS consideran que o director do Hospital da Costa, José Insua, tamén presidente do PP de Cervo, “minte cando afirma que o tempo de espera para recibir os resultados deste tipo de probas é dun mes. Os seus datos non coinciden co que din as mulleres de Cervo e do resto da Mariña. Sospeitamos que ese dato ten máis que ver coas probas de seguemento a mulleres con patoloxías anteriores que requiren de máxima urxencia. Non se mesturen por favor, cos datos das esperas para probas rutinarias e preventivas, pois son tan importantes. Poden detectar certas anomalías e ofrecer unha solución precoz e adaptada para cada caso concreto”.

Garantir os prazos

Os socialistas de Cervo advirten do asunto a todas as súas veciñas e tamén ó resto das mariñanas e aconsellan que non queden esperando a que as chamen, “que sexan elas mesmas as que reclamen os resultados das probas a través dos seus médicos de familia e se manteñan pendientes do tempo que tardan en comunicárllelos. Todos debemos desenmascarar dunha vez por todas o baile de tempos ó que nos teñen acostumados. Non hai mellor garantía que a de preocuparse persoalmente de comprobar os resultados”.

Con todo, engaden que “ante a pasividade dos cargos do PP na Mariña, que actúan de parapetos frente as agresións e recortes sanitarios da Xunta de Galicia en toda a comarca e non poñen sobre a mesa nin unha soa proposta, seremos nós quen imos propoñer iniciativas parlamentarias e municipais co fin de garantir que os prazos para a realización das citoloxías e o tempo de espera dos resultados sexan eficaces e encamiñados á prevención”.

Exit mobile version