Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE de Burela afirma que o goberno do PP está a desvincular a Banda de Música do Concello

Nota de prensa

Despois do último pleno celebrado no Concello de Burela a finais de outubro, no que o goberno do Partido Popular nos sorprendía coa creación de novas taxas e coa subida dalgunha das que xa existían, merece a pena comentar o desaguisado da taxa da Escola de Música.

Deste xeito, queremos denunciar o feito de que o goberno do PP está a desvincular a Banda de Música do Concello, esquecéndose así da contribución que fai a Banda co Concello. Esto é aínda máis grave porque, mentres que o PSdeG-PSOE estivo no goberno municipal, o PP, entón na oposición, pasou catro anos acusando ao goberno de privatizar a Banda e de acabar coa mesma. Supoñemos que se nós acabamos coa Banda, a Concelleira Mónica Pedre está a darlle o golpe de gracia.

O PP elimina así a exención de matrícula na Escola para membros da Banda sen propoñer alternativa e esquecéndose de que foron eles mesmos os primeiros en aplicar esa exención que nós mantivemos mentres gobernábamos, posto que pensábamos e seguimos a pensar que a contribución que os músicos da Banda fan co Concello ben o merece. E pensamos isto porque, en primeiro lugar, son a única agrupación da Escola que non teñen vacacións, posto que ensaian e ofrecen concertos tanto no verán como no inverno e, en xeral, sempre que son solicitados. En segundo lugar, eran a única agrupación da Escola (dicimos “eran”, porque a isto uniuse recentemente a Burela Blues Band), que levaba o nome do noso Concello fóra do mesmo.

Con todo isto a Sra. Pedre, co consentimento do Alcalde, está conseguindo que algúns alumnos abandoaran xa este curso escolar a Escola de Música de Burela para matricularse noutros centros, cousa que se verá acentuada no próximo curso coa aplicación desta taxa. Iso sí, especifica o goberno popular nesta ordenanza que as taxas dos cursiños da tempada de verán que se celebran na Escola poderán ser descontadas da matrícula da Escola a xuízo da comisión de goberno. Isto ven a significar que os veciños e veciñas de Burela finaciaremos os estudos dalgúns privilexiados dentro da Escola, simplemente porque así o decida a Comisión de Goberno.

Xa para cocluír, dicir que non sabemos (non o deben saber nin Barcia nin Pedre) que é o que vai pasar co convenio asinado entre o Concello de Burela e a Asociación de Amigas e Amigos da Banda de Burela para a promoción da mesma. O que si sabemos é que o Partido Popular prometeu hai ben poucos meses no seu programa electoral que ía “apoiar á banda”. Isto demóstranos que o PP incumpre descaradamente as súas promesas e isto tamén ven a constatar algo que víñamos sospeitando dende hai tempo: este goberno ten un empeño especial en querer eliminar determinados estilos musicais presentes na Escola e tamén en querer eliminar a Banda. Dende logo que agardan malos tempos para a Banda de Música de Burela

Exit mobile version