Site icon Crónica3.com A Mariña

O talentoso Atlético de Madrid no punto de mira da novena xornada

Nota de prensa:
O TALENTOSO ATLÉTICO DE MADRID, NO PUNTO DE MIRA DA NOVENA XORNADA

A escuadra de Javier Pardeiro, sen ausencias, terá no punto de mira o talentoso Atlético de Madrid Navalcarnero para a novena xornada da Primeira División. O pavillón municipal La Estación acollerá o encontro o sábado a partir das 18.00 horas.

Copas, Supercopas e frecuentes participacións coa selección española, definen o histórico rival das laranxas, un conxunto que comezou con moi bo pé en 2011-12. Despois de oito compromisos ligueiros ocupa a cuarta praza (18 puntos), empatado co Móstoles, pechando o podio; tan só o Rubi FS (2-3), na terceira xornada, e o Cajasur Córdoba (5-1), a semana pasada, puideron desartellar a súa autoridade.

No Burela FS Pescados Rubén (10 puntos) son conscientes da traxectoria e calidade do Navalcarnero. “É un dos mellores cadros da categoría, xunto co Cajasur” opinou a ala-peche Haydée, unha das caras novas no vestiario mariñán esta tempada, que destacou as individualidades como a máxima fortaleza das madrileñas: “Teñen un xogo bastante anárquico no que priman as individualidades. O un para un de Leti ou Anita Luján é moi forte; se algunha delas ten un bo día pode resultar excesivamente desequilibrante”.

“Nós debemos ser fieis ao noso estilo, debemos explotar o colectivo para incidir na súa irregularidade porque aínda que teñen calidade para gañar sen problemas en ocasións desconectan e non son capaces do volver ao partido” explicou a viguesa, que recoñeceu a súa completa aclimatación ao grupo e ao club tres meses despois de regresar a terras galegas, grazas ao “apoio de compañeiras e corpo técnico, que facilitaron a miña adaptación á intensa dinámica de adestramentos”. Haydée tamén falou da barreira dos últimos 10 metros que ata o momento limita a finalización laranxa e que está freando a escalada do equipo: “Eu non creo na sorte; sei que este equipo é capaz de xerar gol porque así o demostrou en tempadas anteriores con Ro e Lucía, ao que se suma agora a pegada de Peque; o sentimento é que estamos traballando ben e que algún equipo pagará o noso gol”. “Co Femesala ofrecemos un bo xogo, fixemos os mellores minutos da tempada; nesta liña poderemos agrandar a ferida do 5-1 que recolleron en Córdoba as madrileñas”, concluíu a burelista.

Exit mobile version