Site icon Crónica3.com A Mariña

O vicepresidente da Deputación anuncia a rehabilitación da antiga escola de San Miguel de Reinante

Nota de prensa

ANTONIO VEIGA ANUNCIA QUE A DEPUTACIÓN REHABILITARÁ A ANTIGA ESCOLA HABANERA DE SAN MIGUEL DE REINANTE

O vicepresidente da Deputación explicou que se investirán “310.000 euros para rehabilitar esta antiga escola, recuperando un importantísimo patrimonio cultural e optimizándoa para cumprir cun cometido social”

Trátase dunha remodelación integral que afectará ao conxunto do inmóbel, creando nela unha sala multifuncional, salón de actos con escenario, sala de exposicións, oficinas e biblioteca

Por outra parte, Veiga criticou que a Xunta onte “anunciase prazas de residencia concertadas unicamente en concellos da franxa atlántica, esquecéndose de Lugo, e afondando aínda máis da Galiza ‘das dúas velocidades’”

Lugo, 4 de novembro de 2011. O vicepresidente da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga, na rolda de prensa posterior a Xunta de Goberno da Deputación, anunciou a aprobación dun convenio entre esta institución e o Concello de Barreiros que permitirá, cun investimento de 315.000 euros, a remodelación integral da antiga escola habanera de San Miguel de Reinante. Antonio Veiga anunciou que se investirán “310.000 euros para rehabilitar esta antiga escola, recuperando un importantísimo patrimonio cultural e optimizándoa para cumprir cun cometido social”.

Segundo explicou Antonio Veiga, “a escola de San Miguel de Reinante é unha construción que data dos inicios do século XX, como as que abundan pola Mariña lucense e a Terra Chá, malia que destaca polo seu tamaño, con 700 metros cadrados de construción e 500 metros cadrados útiles, polo que se pode cualificar de modélica na súa construción e incluso no seu regulamento, xa que foi unha escola moi avanzada á época”. Veiga informou de que a actuación que sufraga a Vicepresidencia Primeira da Deputación trátase “dunha remodelación integral que afectará ao conxunto do inmóbel, creando nela unha sala multifuncional, salón de actos con escenario, sala de exposicións, oficinas e biblioteca, ademais dos correspondentes aseos e vestíbulos, e unha recepción con cafetaría”. Este investimento permitiralle ao Concello de Barreiros dispor dunha infraestrutura excelente para o desenvolvemento de actividades culturais, ao tempo que cumprirá unha función social xa que son moitas as asociacións culturais e veciñais que poderán empregar estas instalacións”.

Veiga explicou que o investimento de 310.775,80 euros para levar a cabo a remodelación da escola de San Miguel está integramente aportado pola Vicepresidencia Primeira da Deputación, con cargo aos orzamentos en tres anualidades: 125.000 euros en 2011; 95.000 euros en 2012, e 90.775,80 euros en 2013. “Con esta actuación recupérase un importante ben patrimonial ao mesmo tempo que se habilita para o uso da veciñanza, co que esta institución segue co seu compromiso en materia cultural e apoiando o tecido asociativo lucense, con investimentos que logran facer máis co mínimo gasto posible, executando unha política ao máximo de eficiencia”.

Achégase un documento coa ficha arquitectónica do edificio e planos de proposta do proxecto de rehabilitación que se levará a cabo

Por outra banda, Antonio Veiga quixo referirse ao anuncio feito onte pola Xunta de Galiza, no que se anunciaba o estabelecemento de prazas concertadas de residencia para persoas maiores en concellos das Áreas de Santiago e Pontevedra, “demostrando unha vez máis a idea de país que ten o goberno do PP ao priorizar a franxa atlántica á hora de dotar de servizos sociais dos que precisamente o rural lucense adoece en maior medida, co que a Xunta de Galiza está a afondar na problemática da Galiza ‘das dúas velocidades’”. Veiga foi crítico coa xestión do goberno galego e afirmou que “esquecendo e discriminando a Lugo como o está a facer a Xunta, a cidadanía dáse conta do traballo que se está a realizar desde a Deputación a prol da redución da fenda na prestación dos servizos sociais e mellorando o benestar de todas e todos os lucenses

Exit mobile version