Site icon Crónica3.com A Mariña

Os centros de Lugo, Monforte, Ribadeo e Viveiro contan con 3.176 estudantes matriculados

Nota de prensa

NO QUE VAI DE LEXISLATURA A MATRÍCULA DAS ESCOLAS OFICIAIS DE IDIOMAS DA PROVINCIA DE LUGO INCREMENTOUSE NUN 24% NAS ENSINANZAS REGRADAS

Os centros de Lugo, Monforte, Ribadeo e Viveiro ofertan prazas en 193 grupos, nos que se matricularon este curso 3.176 estudantes
Nestas escolas impártense ensinanzas de inglés, francés, alemán, italiano, galego e portugués

Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2011.- As Escolas Oficiais de Idiomas da provincia de Lugo rexistran este curso unha matriculación de 3.176 alumnos en ensinanzas regradas polo réxime oficial na modalidade presencial, o que supón 613 máis que no curso 2008/2009, é dicir un incremento do 24% do alumnado destes cursos no que vai de lexislatura. Unhas cifras que ademais se verán incrementadas unha vez se dispoña dos datos de matriculación nos cursos específicos que ofertan este centros.

As EOIs lucenses ofertan este curso prazas en 193 grupos de ensinanzas regradas, nos idiomas de inglés, francés, alemán, italiano, galego e portugués; prazas repartidas entre as escolas de Lugo, Monforte, Ribadeo e Viveiro. Deste xeito o número de grupos ofertados medra un 15,6% respecto do curso 2008/2009, con 26 grupos máis.

Plan de Potenciación das Linguas

O incremento de oferta e matrícula confirma os resultados satisfactorios que está a ter a estratexia posta en marcha pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para poñer en valor e actuar con eficiencia en canto aos recursos –materiais e humanos- existentes e ás posibilidades das EOIs.

As medidas implementadas nas Escolas Oficiais de Idiomas enmárcanse na aposta que a Xunta de Galicia vén facendo polo impulso da aprendizaxe de idiomas, fundamentalmente a través do Plan Galego de Potenciación das Linguas Estranxeiras.

Desta forma, e tendo en conta o interese das galegas e galegos por acadar o dominio de outros idiomas, ponse a disposición do conxunto da cidadanía galega o acceso á mellora das súas competencias noutras linguas, algo fundamental na sociedade actual, tanto para o desenvolvemento académico como para o profesional e persoal.

Exit mobile version