Site icon Crónica3.com A Mariña

Os parques de bombeiros de Barreiros e Viveiro realizaron 20 intervencións na Mariña no ultimo mes

Nota de prensa

Os parques de bombeiros de Barreiros, Viveiro, Vilalba, Sarria e Chantada atenderon 275 emerxencias na provincia

– Os profesionais destes complexos realizaron en outubro 58 intervencións: 45 incendios na súa maioría forestais, 5 excarcelacións, 3 rescates de persoas e 5 actuacións de prevención

– Vilalba e Barreiros foron con 18 e 14 intervencións as instalacións que concentraron a maior actividade, seguidas por Sarria e Chantada cada unha con 10 e Viveiro con 6

Os parques de bombeiros de Barreiros, Viveiro, Vilalba, Sarria e Chantada realizaron un total de 275 intervencións na provincia dende a súa posta en marcha o 1 de maio. Segundo reflicte o último informe de actuación, os 5 complexos impulsados polo Consorcio Provincial de Bombeiros, organismo formado en 2008 á proposta desta Deputación e a anterior Xunta de Galicia, atenderon en outubro 58 emerxencias.

Deste xeito, durante o pasado mes, os 100 profesionais contratados nos parques actuaron en 45 incendios. Destes, 24 foron forestais e tiveron lugar nos municipios de Barreiros, Alfoz, A Pastoriza, Xermade, Guitiriz, Rábade, Cervo, Sarria, Ribeira de Piquín, Chantada, Guntín, Carballedo, Taboada e O Saviñao. Os bombeiros tamén levaron a cabo en outubro 5 excarcelacións, 3 rescates de persoas, así como outras 5 actuacións de prevención tales como limpeza de estradas.

Actividade por complexo

A actividade por complexo o pasado mes foi a seguinte:

– Barreiros rexistrou 14 intervencións: 10 incendios en Barreiros, Foz (5), Burela, Mondoñedo, Alfoz e O Valadouro; 2 excarcelacións en Burela e Mondoñedo; 1 fuga de gas ou auga en Ribadeo; e 1 actuación de prevención fóra do ámbito adscrito.

– Viveiro, 6 intervencións: 4 incendios en Cervo (2) e Viveiro (2); 1 excarcelación en Viveiro e 1 rescate de persoas tamén en Viveiro.

– Vilalba, 18 intervencións: 16 incendios na Pastoriza (3), Rábade (7), Outeiro de Rei, Xermade, Guitiriz e fóra do ámbito adscrito (3); 1 excarcelación tamén fóra do ámbito adscrito e 1 rescate de persoas en Rábade.

– Sarria, 10 intervencións: 6 incendios en Sarria (4), Baralla e Ribeira de Piquín; 1 excarcelación nas Nogais; 1 rescate de persoas en Sarria e 2 actuacións de prevencións tamén en Sarria.

– Chantada, 10 intervencións: 9 incendios forestais con vivendas afectadas en Chantada (4), Guntín, Carballedo (2), Taboada, O Saviñao; e 1 actuación de prevención en Carballedo.

Cobertura ó 90% da provincia

Cumprindo co compromiso adquirido polo Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, no primeiro mandato do actual Goberno provincial, ditas 5 instalacións prestan cobertura no 90% do territorio lugués, poñendo fin á discriminación que durante décadas sufría Lugo, a única provincia galega sen este servizo. Na actualidade, estase a tramitar a incorporación do parque monfortino das Lamas ó Consorcio para incrementar a prestación no sur da provincia. A maiores, Gómez marcouse como reto do novo mandato acadar a cobertura no 100% da provincia mediante o co-financiamento da Xunta.

Exit mobile version