Nota de prensa
ANTONIO VEIGA PARTICIPOU EN MONDOÑEDO NA PRESENTACIÓN DA OBRA DE TEATRO “MENCIÑEIROS”
Esta peza, baseada na obra de Cunqueiro, dirixida por Lucho Penabade e Comba Campoy, con Pepe Penabade e Mini e Mero no elenco, estrearase mañá ás 9 da noite no Auditorio de Mondoñedo
Antonio Veiga valorou o traballo de “Volta e dálle teatro” para adaptar Escola de Menciñeiros de Cunqueiro, colaborando a celebrar o centenario do nacemento do escritor mindoniense
Antonio Veiga valorou o traballo de “Volta e dálle teatro” para adaptar Escola de Menciñeiros de Cunqueiro, colaborando a celebrar o centenario do nacemento do escritor mindoniense. Veiga afirmou que “Súmase así esta peza á aposta de Volta e Dálle por recuperar para o teatro o patrimonio cultural galego, aproveitando tamén o centenario de Cunqueiro para homenaxealo, porque só el soubo retratar os menciñeiros cunha viveza da que dificilmente podemos adiviñar se a descrición se cingue ao real ou se a imaxinación do autor xa botou a voar. Do mesmo xeito que o fabulador mindoniense quixo plasmar no papel as historias daqueles menciñeiros das Terras de Miranda, agora Volta e Dálle quere levalas ás táboas co dobre obxectivo de preservar a cultura e os saberes dos curandeiros e divulgar a obra dun dos autores máis salientables das nosas letras, e por iso desde a Área de Cultura da Deputación apoiamos esta iniciativa, da que desexamos que sexa un éxito e que mañá se encha este auditorio, ao que sigan moitas representacións máis”.
O ELENCO
Pepe Penabade, actor protagonista, adaptador e escenógrafo, foi un dos fundadores (en 1987) da compañía Os Quinquilláns, da que formou parte até 1999 e, un ano despois, deu en fundar Volta e Dálle, compañía na que participa como actor, produtor e escenógrafo. Na súa nómina figuran espectáculos coma Furga Garabela!, Rodesindo da Barrosa ou Pan, catro propostas arredor da malla, entre outros. Aínda que tamén o cinema e a televisión contaron co seu traballo en títulos coma: Pepe O inglés, Padre Casares, Matalobos, Pataghorobí ou Vacas, porcos e zapatos de tacón.
Mini, Xosé Luís Rivas e Baldomero Iglesias, Mero. Ademais de músicos introdúcese agora de cheo na interpretación, logo dunha primeira experiencia interpretativa en “Pan, catro propostas arredor da malla”. No eido musical foron fundadores (en 1972) de Fuxan os Ventos e en 1984 fundaron A Quenlla, grupo no que permanecen activos ata o momento.