Site icon Crónica3.com A Mariña

Remata en Foz a III Edición do video- forum Mulleres no Mundo coa proxección da película “Qué tan lejos”

Nota de prensa
Remata a III Edición do video- forum Mulleres no Mundo coa proxección da película Qué tan lejos

Na última sesión desta edición, que se desenvolverá este xoves día 17, ás 19.00h na UNED, visionarase a película Qué tan lejos (Ecuador) dirixida por Tania Hermida

A III Edición do video-forum MULLERES NO MUNDO chega a súa fin. Organizado polo Observatorio da Mariña pola Igualdade, en colaboración coa UNED e con Radiofoz, o video-forum tivo como obxectivo achegar mediante o cinema á cidadanía mariñá e galega a realidade vital de mulleres moi diversas pertencentes a ámbitos sociais e culturais afastados e distantes. Este ano, estivo centrado no cinema latinoamericano e como novidade adoptou unha fórmula nova coa intención de crear un ambiente máis agradábel e propicio para o debate e o intercambio de ideas a partir do visionado dos filmes escollidos: o café-debate. O Observatorio repartiu, e así o fará tamén este xoves 17, cafés e pastas aos e ás asistentes para axudar a crear un clima distendido no debate posterior ás proxeccións.

O vídeo-forum “MULLERES NO MUNDO”, que comezou o pasado día 27 de outubro, ten lugar no salón de actos da UNED en horario de 19h. a 21 horas. Á actividade poden acudir todas as persoas que o desexen de xeito gratuíto. As sesións de “MULLERES NO MUNDO” están guiadas por membras do Observatorio da Mariña pola Igualdade. A metodoloxía a seguir consiste en realizar unha breve presentación e contextualización do filme, para a continuación realizar o visionado da película que corresponda a cada día. Posteriormente, realizarase un debate e reflexión posterior sobre diferentes aspectos abordados en cada filme, seguindo sempre unha metodoloxía participativa e aberta na que a monitora sexa condutora das reflexións do grupo.

A película correspondente a este xoves é Qué tan lejos (Ecuador) e está dirixida por Tania Hermida. A película narra a historia de Tristeza e Esperanza, dúas vinteañeras que mentres viaxan por paraxes pouco coñecidos das montañas e da costa de Ecuador, realizarán ao mesmo tempo unha viaxe de autodescubrimento delas mesmas.

Entre os recoñecementos cos que conta a película cabe destacar o Zenith de Plata que obtivo no marco da Competencia Mundial de primeras obras del Festival de Filmes du Monde de Montreal, Canadá.

O principal obxectivo que persegue o Observatorio da Mariña pola Igualdade con esta iniciativa é a de darlle a coñecer á cidadanía galega, homes e mulleres, as realidades vitais de mulleres moi diversas de Afganistán, India, Irán e Israel. Deste xeito, pretendemos destacar, por un lado, que a discriminación de xénero é unha cuestión universal que afecta a todas as mulleres do mundo, aínda que adquire unhas materialización diferentes en función das continxencias que definen cada sociedade e cultura. E polo outro, que non hai un único xeito de “ser muller” nin unha esencia feminina, senón que a pluralidade de experiencias vitais e de desexos das mulleres obríganos a ter sempre en conta a enorme diversidade de mulleres. Alén deste obxectivo principal, desde o Observatorio preténdese tamén contribuír a pór en valor as contribucións das mulleres aos distintos eidos do saber, destacando neste caso o traballo das directoras de cinema.

Exit mobile version