Site icon Crónica3.com A Mariña

Rematou o curso de coidador de persoas discapacitadas psíquicas e físicas que se impartiu en Cervo

Nota de prensa

OS ALUMNOS DO CURSO DE COIDADOR DE PERSOAS DISCAPACITADAS PSÍQUICAS E FÍSICAS REMATAN HOXE O TEMARIO ESPECÍFICO DESTA ACCIÓN FORMATIVA IMPARTIDA POLO CONCELLO DE CERVO

• O curso, promovido conxuntamente polas concellerías de Educación e Asuntos Sociais, é de 218 horas de duración

• Pertence ao catálogo de accións formativas para desempregados da Consellería de Traballo e Benestar e está subvencionado pola Consellería e polo Fondo Social Europeo

• Os 15 alumnos recibiron formación teórica e desenvolveron prácticas en diversas entidades que prestan servizos a discapacitados físicos e psíquicos na Mariña

Cervo, 15 de novembro de 2011.- Os 15 alumnos do curso de coidador de persoas discapacitadas psíquicas e físicas, que están a impartir conxuntamente as concellerías de Educación e de Asuntos Sociais do Concello de Cervo, rematan hoxe a parte específica do seu temario. Así o deu a coñecer esta mañá o rexedor local, Alfonso Villares.

Este curso, de 218 horas lectivas, pertence ao catálogo AFD ( accións formativas para desempregados) da Consellería de Traballo e Benestar dispón dun orzamento de 29.199 euros e está subvencionado pola Consellería e polo Fondo Social Europeo.

O curso ven desenvolvendo nas instalacións do antigo Concello en Cervo. Segundo indicou Alfonso Villares, unha vez rematada a parte do temario específico, agora queda por impartir unha serie de módulos transversais de igualdade de xénero e de inserción laboral que van ter lugar nos vindeiros catro días.

Villares salientou que o obxectivo central desta acción formativa é a de capacitar aos alumnos para realizar de forma autónoma e responsable as distintas funcións que un coidador de discapacitados físicos e psíquicos debe coñecer. “Por iso -dixo- ao largo deste curso impartíronse contidos teóricos e prácticos. A parte teórica tivo lugar nas instalacións do antigo Concello, mentres que para as prácticas firmamos varios convenios de colaboración con entidades como a Asociación de Axuda ao Enfermo Mental da Mariña, a Fundación Eu Son e Aspanane, entidades que prestan servizos a discapacitados físicos e psíquicos na nosa comarca da Mariña.” Ademais, nestas prácticas, os alumnos tiveron a oportunidade de desenvolver os seus coñecementos adquiridos e tamén participaron en distintas visitas didácticas a centros de recuperación e a residencias asistenciais.

O alcalde cervense explicou que a finalidade destes programas é formar aos traballadores naquelas profesións que teñan mais demanda no mercado laboral “co fin de facilitar a súa inserción laboral, axudarlles a manter e consolidar o seu posto de traballo mellorando a súa capacitación profesional e o seu desenrolo persoal; sobre todo para aquelas persoas que teñen mais dificultades para atopar un emprego”.

Exit mobile version