Site icon Crónica3.com A Mariña

Ribadeo e Burela entre os peiraos de maior movemento dos xestionados por Portos de Galicia

REFERENCIA

O tráfico de mercadorías nos portos de titularidade autonómica incrementouse en setembro un 13% respecto a 2010

Cariño, Ribadeo e Cee foron os peiraos que rexistraron maior movemento, mentres que Burela sitúase á cabeza en descarga de pesca fresca

Santiago, 6 de novembro de 2011.- O tráfico de mercadorías nos portos de titularidade autonómica de Galicia mantivo no mes de setembro a tendencia á alza interanual que establecera en agosto. Así, en setembro o movemento de mercadorías aumentou un 13,35% nunha comparativa co mesmo mes de 2010. Os 122 peiraos que xestiona a Xunta, a través de Portos de Galicia, moveron en setembro 151.242 toneladas, fronte ás 133.434 do mesmo mes do ano pasado. Así o reflicte o informe de xestión que mensualmente elabora o ente público que preside José Juan Durán.

A actividade máis destacada rexistrouse nos portos de Cariño, Ribadeo e Cee. No primeiro moveronse un total de 42.743 toneladas de mercancía, mentres que no de Ribadeo a cifra de tráficos situouse en 40.897 toneladas e no peirao ceense en 21.389 toneladas, un 39% máis que o ano pasado.

En canto á carga e descarga de pesca fresca, o porto de Burela situouse á cabeza dos autonómicos, con 4.122 toneladas. Seguíronlle os peiraos de Ribeira, con 2.401 toneladas, e Celeiro, con 1.642. No conxunto de Galicia moveronse en setembro 18.250 toneladas, das que 11.274 foron descargadas nos portos de titularidade da Xunta e o resto nas Autoridades Portuarias.

Por áreas xeográficas, a zona de maior actividade de pesca fresca foi a costa cantábrica, onde se rexistraron 6.057 toneladas, fronte ás 4.362 rexistradas na costa da provincia da Coruña e as 855.000 da pontevedresa.

Exit mobile version