Site icon Crónica3.com A Mariña

Saber gañar e saber perder

SABER GAÑAR E SABER PERDER

Hai centos de miles de criaturitas que cando perden montan en arrebato e van en contra até dos seus propios intereses, só lles importa o eu, o meu, a miña ou o meu. Vexamos aquí unha reacción típica ante unha derrota.

Algo que se nos debería de ensinar desde que somos nenos é a saber perder e quizais fose máis importante que entendésemos o por que perdemos. Poucos humanos quedan aos que non lles gusten gañar e até gañarlle á súa propia sombra. Eu acórdome cando na miña mocidade bailabamos ou xogabamos ao baile ou xogo da cadeira na que había unha cadeira menos que persoas e cando a música paraba, a alguén lle tocaba perder e así ata que queda un gañador e varios perdedores. Non vos lembra este xogo a algo que facemos os cidadáns cada catro anos?

Explícome, o pobo é a orquestra que manda parar á música e os aspirantes a alcalde, concelleiros, deputados, senadores e incluso presidentes do goberno son os que xogan ao baile da cadeira e un a un van perdendo ata que queda o gañador. A única diferenza que vexo é que dunha maneira xogas coa sorte e da outra maneira xogas coa decisión popular e en ambas nos escoce e cústanos traballo entender por iso é importante que saibamos axiña na vida o que significa PERDER

Se non sabes perder ante a vida xamais te atreverás a ser competitivo, polo medo a perder. Imaxinemos que unha persoa funda un negocio, é a típica persoa que se enfada cando perde e que destruíu multitude de mandos da videoconsola por perder unha partida. Imaxinemos que no seu negocio os números empezan a ir mal por culpa súa. Como vai saír esa persoa do problema se non sabe perder. Para saír habería que admitir a culpa e buscar outro camiño máis produtivo, arriscándonos a perder outra vez e ter que buscar outro e outro e outro camiño ou carreiro. A xente que non sabe perder bota a culpa aos demais coa malicia de afundir, comercialmente, deportivamente, ou politicamente. Todo o que crea que é culpa da súa cegueira.

Pois que desde pequenos NON nos ensinan ben a afrontar a derrota e dixerila, principalmente porque os nosos pais nunca a afrontan e botan a culpa antes de admitir o erro e non só os nosos pais, seguro que ti tamén o fas.

Esta vida non é de rosiñas, aínda que as túas vivas ben debes saber que en calquera momento pódeche xurdir unha enfermidade e non por iso a túa vida debe arruinarse, debes ir cos pés e a cara de fronte, sabendo que estás nun mundo imperfecto onde calquera día che poden dar unha boa labazada.

Eu estou convencido de que antes que gañar hai que perder unas cantas veces. E isto serve para todo, para os futbolistas, comerciantes, políticos e para a vida mesma. Cando comeza a túa vida laboral, no sector que sexa, é imposible que chegues ao primeiro posto sen perder nin unha soa vez, porque se o fixeses serias a perfección personificada.

Cando perdes adquires experiencia, se nunca perdes non adquires tanta experiencia.

Non atoparás nin unha soa persoa de éxito que che diga que vas gañar todo á primeira.

Pero se non admite a derrota, o mellor que hai é unha retirada a tempo.

Otero Regal

Exit mobile version