SOCIALISTAS
Ao PSOE non lle queda outra saída que reinventarse, refundarse despois do desastre electoral e o cambio de rumbo ideolóxico que impuxo o mercado a Zapatero. O partido rexenerarase con novas ideas, as que necesita a esquerda para identificarse e sobrevivir á onda neoliberal que impera en todo o mundo. Farao se son capaces de renunciar ao vello para que novamente poidan recuperar a confianza da esquerda no partido que mellor os representou en España. Facelo sobre pugnas de candidatos, personalismos ou correntes internas será outro erro.
Zapatero xa non ten patrimonio algún que deixar aos militantes socialistas. Empecinarse en quedar e tutelar a un dos candidatos será outro erro para o futuro. A súa política nos últimos dous anos conduciu á perda dun millón e medio de votos nas eleccións autonómicas do mes de maio e catro millóns nas últimas xerais. O cambio de políticas para contentar aos mercados arrastrou á crise a moitas federacións socialistas, que agora se enfrontan tamén á reconstrución do partido a nivel local, xa e hora de limpar a casa e chimpar a tránsfugas, chaqueteiros, arribistas e demais ralea que pululan por as executivas da nosa terra.
O desgaste das ideas e a imposición da vella garda impediu o desenvolvemento das novas xeracións. Os mozos, que aínda ven no socialismo unha saída aos seus ideais, tampouco brillan con luz propia máis aló dos vellos rescoldos ideolóxicos do século pasado.
A nivel internacional a desorientación dos socialistas é patente e o debate é o mesmo que sosteñen aquí. A desubicación ideolóxica fai madeixa nos grandes líderes da Internacional Socialista. Unha corrente importante mantén os ideais da socialdemocracia e de progreso. Aseguran que isto é só un momento, que volverá a calma e ocuparán os gobernos dos que agora son expulsados pola crise. Outro sector creé que se trata dunha crise máis profunda, de identidade da esquerda.
Sexa como sexa, os socialistas terán que elaborar un ideario realista, atrevido e atractivo para recuperar o orgullo da esquerda. Deberá sostelo nos trazos da súa identidade, como a defensa dos valores democráticos e do Estado de Dereito, o crecemento económico como fórmula para a rexeneración de emprego que posibilite o sostemento do estado do benestar, a supremacía da política e do Estado fronte aos poderes económicos, o Estado das Autonomías e a solidariedade interterritorial, a rexeneración da vida política e institucional, a transparencia democrática, a recuperación da sociedade civil e os valores éticos e a paz social para que o entendemento sexa posible. Por aquí transformar as sedes do partido en autenticas “casas do Povo”, con actividades culturais e sociais e non simples buchinches capitaneados por trepas faltos de ideoloxía e cultura.
O PSOE ten aínda máis de sete millóns de votos que cren no partido, sexan quen sexa o candidato e sexan as que sexan as ideas. As tentacións son enormes, porque, aínda na oposición, o poder nesta nova etapa é inmenso. A súa nova organización e as ideas sobre as que se oriente a representación da esquerda moderada e maioritaria en España debe contar con ese caudal.
España necesita do socialismo serio e renovado, comprometido cos valores democráticos e a rexeneración da vida pública, un socialismo que si se necesita ten que tomar rúa como campo de batalla sen desprestixiar aínda máis ás institucións desde as que en dúas ocasións desenvolveron os seus ideais.
Otero Regal